A Xunta emite declaración de impacto ambiental desfavorable sobre o proxecto de modificación e ampliación do parque eólico Edreira I, na Lama

A resolución destaca o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que resulta determinante ao considerar que o proxecto producirá efectos adversos significativos e non é compatible coa preservación da biodiversidade da contorna

A iniciativa promovida por Puentengasa San Roque I, SL e Puentengasa Oleirón, SL tiña por obxecto a execución destes proxectos de 25,2 megavatios de potencia composto por 6 aeroxeradores e a construción dun centro de seccionamento

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorable con relación ao proxecto parque eólico Edreira I Modificado e Ampliación Edreira I, no concello pontevedrés da Lama.

Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que destaca o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, resultando determinante para a resolución ao considerar que o proxecto producirá efectos adversos significativos e non é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade da contorna, polo que a iniciativa, promovida por Puentengasa San Roque I, SL, e Puentengasa Oleirón, SL, non é ambientalmente viable.

Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de 12 organismos públicos e entidades consultados e a presentación de varias alegacións.

Froito das consultas realizadas, os informes emitidos recolleron a valoración correspondente, establecendo unha serie de condicionantes que se engadirían aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental se se emitía declaración favorable e que figuran na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, os organismos consultados, e máis concretamente a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, consideran que é previsible que o proxecto poida causar impactos significativos nos distintos eidos analizados e que, polo tanto, sería inviable a súa posta en marcha. Así, destacan que o proxecto se sitúa nunha contorna onde xa existe un alto nivel de ocupación e a instalación de máis aeroxeradores agravaría esta situación, ao reducir o espazo libre dispoñible para as aves con maiores requirimentos de áreas de campeo e incrementar os riscos de colisión.

Unha vez emitida esta declaración, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático- e dáselle publicidade mediante o anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.

Os proxectos están promovidos por Puentengasa San Roque I, SL, e Puentengasa Oleirón, SL e tiñan por obxecto a modificación e ampliación dun parque eólico de 25,2 megavatios de potencia total no termo municipal da Lama, constituído por 6 aeroxeradores de 8,2 MW de potencia nominal unitaria.

A maiores, tamén se prevía a execución dun centro de seccionamento, que formaría parte do Parque Eólico Edreira I Modificado pero con uso nos dous parques, e un sistema de control e protección, así como de comunicacións e servizos auxiliares.

Importancia da declaración de impacto ambiental

Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.

De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.

Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que unha porcentaxe importante das declaracións ambientais emitidas pola Xunta son desfavorables e a maioría das favorables, inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.

Data de actualización: 19/08/2026