A Xunta resolve a convocatoria da liña de apoio a actuacións de carácter estratéxico con 26 novas actuacións beneficiarias cun investimento de 10 M€
Resultaron beneficiarias dez propostas presentadas por concellos da provincia da Coruña con 3,7M€, seis de Ourense con máis de 1,7M€, cinco de Pontevedra con 2,2M€ e outros cinco en Lugo, tamén con 2,2M€
A medida potencia infraestruturas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía local
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026
A Xunta vén de resolver a convocatoria da liña de apoio a infraestruturas municipais de carácter estratéxico correspondente a 2026, na que resultaron beneficiarias 26 propostas, que recibirán achegas que suman 10 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) específico para estes investimentos. O Goberno galego consolida así este instrumento fundamental para o eido local activado hai dous anos con oito millóns en cada unha das dúas anteriores convocatorias. A través desta liña de apoio ás administracións locais, o Goberno galego impulsa iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos.
Por provincias, a cifra de proxectos beneficiarios ascende a 10 na Coruña, seis sitúanse en Ourense, cinco en Lugo e outros cinco en Pontevedra.
Na provincia da Coruña resultaron beneficiarias propostas presentadas por Ames, Brión, Cabana de Bergantiños, Carral, Cedeira, Fisterra, Miño, Ordes, Pontedeume e Vedra, que recibirán achegas que suman máis de 3,7 millóns de euros.
Na área da Coruña, Carral recibirá máis de 429.000 euros para a modernización das infraestruturas deportivas de interese supramunicipal, e Miño executará a cuberta da pista polideportiva na Galea cunha achega superior aos 391.000 euros.
Na contorna de Ferrol, os concellos beneficiarios, Cedeira recibirá 200.000 euros para para o desenvolvemento de actividades acuáticas e Pontedeume 500.000 euros en actuacións no pavillón multiúsos municipal.
Na zona de Compostela, Ames reformará o campo de fútbol municipal do Milladoiro, para o que a Xunta financiará máis de 258.000 euros; Brión mellorará e acondicionará o complexo deportivo municipal, con 500.000 euros achegados polo Goberno galego; e Ordes fará melloras no polideportivo Castelao, con case 500.000 euros de aportación autonómica. Pola súa banda, Vedra aposta polos servizos sociais con actuacións no Centro de Día Casa das Artes, ao que a Xunta destinará máis de 350.000 euros.
A maiores das áreas das principais cidades, Cabana de Bergantiños recibirá máis de 288.000 euros para o complexo deportivo, e Fisterra case 305.000 euros para a rehabilitación do campo fútbol Ara Solis e urbanización dos accesos ao campo, ao polideportivo municipal e instituto de educación secundaria IES Fin do Camiño.
Por outra parte, na provincia de Ourense os seus proxectos beneficiarios corresponden a Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia, que recibirán achegas que suman máis de 1,7 millóns de euros
Así, Boborás recibirá 500.000 euros para a rehabilitación integral e modernización do pavillón municipal e A Bola fará un novo campo de fútbol municipal de herba artificial e melloras adicionais de impacto supramunicipal cunha achega de 200.000 euros. O Carballiño recibirá case 245.000 euros para a mellora e ampliación das instalacións deportivas da Uceira, O Pereiro de Aguiar contará con case 307.000 euros para a rehabilitación de pavillón deportivo municipal e Xinzo de Limia máis de 250.000 euros en actuacións no complexo deportivo A Moreira. Pola súa banda, Laza aposta pola creación da base para o GES, para a que recibirá máis de 249.000 euros dun presuposto de case 499.000.
No que se refire á provincia de Pontevedra, houbo cinco propostas beneficiarias por importe de máis de 2,2 millóns de euros. En concreto, corresponden a Cerdedo Cotobade, que recibirá 493.000 euros para o acondicionamento de estrutura e envolvente do pavillón ou Ribadumia, onde o Goberno galego investirá 262.000 euros na reforma da piscina municipal do complexo deportivo de Cabanelas. Ademais, a Xunta destinará 500.000 euros en apoio a cada un destes tres proxectos: habilitar un módulo cuberto de atletismo en Lalín, a construción dun edificio polivalente para usos asistenciais, destinado a centro de día e punto de atención infantil (PAI) en Rodeiro e para unha residencia xeriátrica e centro de día en Covelo.
Por último, na provincia de Lugo contabilízanse outros cinco proxectos estratéxicos beneficiarios nos municipios de Begonte, Castro de Rei, Cervo, Chantada e Lugo, que recibirán achegas por máis de 2,2 millóns de euros.
Así, Begonte reformará e ampliará o pavillón polideportivo de Baamonde, Castro de Rei creará unha praza pública e un parque infantil en terreos do antigo campo de fútbol de Castro Ribeiras de Lea, Cervo renovará graderío, vestiarios e almacéns do Complexo deportivo A Veiga en San Cibrao e Chantada rehabilitará o edificio da Casa do Concello. Nestas catro actuacións o apoio da Xunta será de 500.000 euros, mentres que no concello de Lugo, o Goberno galego destinará 225.000 ao proxecto estratéxico destinado á posta en marcha dun aparcadoiro público no polígono industrial O Ceao.
As iniciativas apoiadas a través destas achegas teñen unha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal e transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal. Ademais, considéranse estratéxicos os proxectos para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana. En canto ás tipoloxías, as infraestruturas deportivas foron as principais beneficiadas en todo o territorio, con 17 propostas financiadas e un investimento conxunto de 6,3 millóns de euros.
As axudas do Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, que contan con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas.