A Xunta licita por 250.000 € a construción da nova EDAR de Sorribas para mellorar o saneamento en Rois
A futura infraestrutura hidráulica contará cun pretratamento e unha fosa séptica soterrada e ademais acometeranse obras en dous colectores
Este contrato enmárcase no paquete de actuacións impulsado por Augas de Galicia para reforzar os servizos hidráulicos básicos no rural, cunha trintena de obras executadas, en obras ou comprometidas e un investimento global de case 28 M€
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026.
A Xunta licita por un orzamento inicial de 250.173,07 euros, IVE incluído, a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no núcleo de Sorribas, no concello coruñés de Rois, para mellorar o saneamento nesta localidade.
En concreto, o obxecto do contrato é a execución dunha nova EDAR que contará cos seguintes elementos: pretratamento, fosa séptica soterrada e humidal de fluxo subsuperficial. A maiores, executarase un colector para conducir as augas residuais ata a nova depuradora e outro para levar a auga xa tratada ata o punto de vertido, ambos cos correspondentes pozos de rexistro.
Esta nova infraestrutura está dimensionada para dar servizo a 46 habitantes deste concello da provincia da Coruña no horizonte 2044 e substituirá o actual sistema de depuración, que presenta un funcionamento deficiente.
O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas remata o próximo 18 de setembro e unha vez resolto o procedemento de licitación, a adxudicataria disporá de 4 meses para a execución das obras.
No relativo ao financiamento, cómpre lembrar que esta actuación está enmarcada no convenio de colaboración subscrito entre Xunta e o Concello. Así, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático , a través de Augas de Galicia, asumirá o 80% do investimento previsto e a Administración local, o 20% restante. A actuación está, ademais, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), que financia o 60% do gasto elixible no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.
Cómpre lembrar que a planificación hidráulica e a prestación dos servizos municipais relacionados coa auga no rural galego presenta unha complexidade específica pola dispersión da poboación, a existencia de numerosos núcleos e parroquias (de feito, Galicia concentra máis da metade dos núcleos de poboación de España), a presenza de vivendas afastadas dos sistemas principais e a necesidade de empregar solucións proporcionadas á escala de cada ámbito.
Isto explica que as actuacións deseñadas non respondan a un modelo único, senón que combinan melloras de abastecemento, ampliacións de redes de saneamento, novas estacións depuradoras, posta a punto de instalacións existentes, bombeos, colectores, ramais de conexión e renovación de infraestruturas básicas.
A intervención de Sorribas, Rois, forma parte dunha nova carteira de actuacións de abastecemento, saneamento e depuración no rural impulsada ao abeiro da programación FEADER-PEPAC, que dá continuidade ás actuacións desenvolvidas nos últimos anos con financiamento europeo.
En conxunto, Augas de Galicia está a impulsar unha trintena de actuacións hidráulicas (xa executadas, en obras ou en tramitación) co fin de reforzar e garantir os servizos básicos relacionados coa auga no rural galego, que suman un investimento global estimado de case 28 millóns de euros.