O delegado da Xunta en Ourense participa na presentación do festival ‘Xoldra de Aguiar’ que se desenvolverá no concello de Pereiro de Aguiar
O evento, que se celebrará o próximo 19 de setembro, conta co patrocinio Xunta través de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar
Na provincia de Ourense, neste 2026, este programa da Xunta apoia xa preto dunha vintena de eventos, que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio
Ourense, 20 de agosto de 2026.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá, acompañado de Marcos Vázquez, director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, e o concelleiro de Cultura, Sanidade e Consumo do concello do Pereiro de Aguiar, Casiano Ángel Feijóo, na presentación do festival Xoldra de Aguiar que se celebrará o próximo 19 de setembro no concello de Pereiro de Aguiar, e que ten como principal obxectivo a posta en valor do rural coa cultura das festas populares como instrumento catalizador dun evento musical durante o día, ademais de contar con programación infantil.
O delegado explicou que esta iniciativa, patrocinada pola Xunta través de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar, invita aos seus veciños e aos das veciñanzas próximas a recuperar a figura das festas populares como un lugar de xuntanza.
Esta edición, na que a entrada será de balde, contará coa actuación do grupo de música tradicional Treixadura, a animación infantil será liderada de novo por Pablo Estévez, dado o éxito acadado o ano pasado, cun novo espectáculo de maxia familiar denominado Trasnadas, mentres que a foliada estará a cargo da agrupación As Lapacaldas coa colaboración de Airiños dos Foles.
Para rematar, Manuel Pardo subliñou que a través do apoio a iniciativas como este festival, os Concertos do Xacobeo continúan impulsando un modelo cultural descentralizado, que leva propostas de calidade a todo o territorio galego e contribúe á dinamización económica e turística das vilas e comarcas mediante a celebración de eventos singulares. Concretamente, na provincia de Ourense, neste 2026,o programa da Xunta de Galicia apoia xa preto dunha vintena de eventos, que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.