Villares destaca o compromiso da Xunta coa mellora dos servizos e a dinamización de Guntín

Na súa visita institucional ao concello, o delegado puxo en valor recentes colaboracións en materia de infraestruturas, emprego, eficiencia enerxética e xestión de residuos

Guntín (Lugo), 20 de agosto de 2026.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, realizou hoxe a súa primeira visita institucional ao Concello de Guntín, onde mantivo un encontro co alcalde, Ángel Pérez, para avaliar as principais necesidades do municipio e abordar a colaboración entre as dúas administracións.

Villares destacou o apoio do Goberno galego “para reforzar servizos e dotacións que contribúan a impulsar o tecido produtivo e favorecer o asentamento de poboación”. Entre as colaboracións máis recentes co Concello de Guntín lembrou as actuacións para incrementar a eficiencia enerxética no pavillón municipal e nas pistas de tenis; a adquisición dun punto limpo móbil para reforzar a xestión de residuos no municipio; a reforma da Casa Cuartel, mellorando as súas condicións de habitabilidade e confort; ou o arranxo dos accesos a Pradeda de Abaixo e Trastulfe e de camiños no núcleo de Vilameá.

Na reunión referíronse tamén á aposta pola promoción do emprego a través do obradoiro dual ‘Ponte de Areas VIII’, un proxecto compartido cos concellos do Corgo e O Páramo que conta cun orzamento de 454.552 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. No caso de Guntín, o alumnado encárgase de acondicionar beirarrúas no percorrido da estrada N-540 ao seu paso pola localidade, combinando así formación e experiencia profesional con actuacións de interese para o municipio.

Entre outras iniciativas, o delegado territorial explicou que o Goberno galego achega este ano 36.400 euros para o reacondicionamento e a mellora da accesibilidade aos vestiarios da piscina municipal; 28.890 euros para a adquisición -conxunta co concello do Páramo- de maquinaria destinada á protección do medio ambiente e do espazo natural; e incrementa ata os 371.000 euros o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar no municipio.

O representante autonómico reafirmou o compromiso da Xunta “de seguir ao carón dos concellos para avanzar na mellora de infraestruturas e servizos públicos, especialmente nos municipios do rural” e salientou a importancia de manter unha “colaboración permanente” coas administracións locais “para atender as súas necesidades e dar resposta ás demandas da veciñanza”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2026