A Xunta publica a convocatoria do proceso selectivo para promoción interna e mobilidade na categoría de inspector de Policía Local

A oferta suma dez prazas correspondentes aos concellos de Ferrol, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vilagarcía de Arousa

O prazo para inscribirse comezará despois de que o anuncio se publique no BOE e estará aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica do Goberno galego

A Academia Galega de Seguridade Pública suma esta convocatoria á xa aberta a inicios de mes para a cobertura de 133 prazas para os corpos de Policía Local de 40 concellos

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo para o acceso por promoción interna e o proceso de provisión por mobilidade nos corpos de Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector. Trátase de 10 prazas correspondentes aos concellos de Ferrol, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Así, a Academia Galega de Seguridade Pública convoca prazas de acceso por promoción interna en Ferrol, con dúas, Santiago de Compostela, tamén con dúas, Vigo, con tres, e Vilagarcía de Arousa, con unha. A maiores, Vigo e Teo convocan o proceso selectivo por mobilidade con cadansúa praza. O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal)

Para acceder á categoría de inspector por promoción interna cómpre ser funcionario de carreira, ter en propiedade e estar en servizo activo nunha praza da categoría de oficial da policía local no concello que se pretende promocionar e ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados nesa categoría.

Na promoción interna o procedemento de selección será o de concurso-oposición. Deste xeito, a fase de concurso non terá carácter eliminatorio e consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, segundo o baremo publicado nas bases. No que se refire á fase de oposición, contará con 3 exercicios eliminatorios: un test de coñecemento de 120 preguntas e un caso práctico relacionado co temario publicado, así como unha proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas de facela. 

Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública. A parte formativa terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial. Consta de seis módulos: operativo, xurídico, técnico, administrativo, de dirección de equipos e práctico.

Pola súa banda, a provisión por mobilidade vai destinada a inspectores xa en exercicio, cunha antigüidade mínima de tres anos, e con máis de tres anos de tempo efectivo e continuado no actual destino. Neste caso o concurso consistirá na valoración, por parte do tribunal, dos méritos que concorran nas persoas aspirantes de conformidade co baremo publicado nas bases.

A convocatoria publicada hoxe súmase á xa aberta desde comezos de mes para a cobertura de 133 prazas para os corpos de Policía Local de 40 concellos galegos, das que 105 se cubrirán por oposición libre e as 28 restantes por provisión de mobilidade. O prazo para inscribirse mantense ata o 2 de setembro.

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades  son A Coruña, A Guarda, A Illa de Arousa, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ares, Arzúa, Barbadás, Boiro, Cedeira, Celanova, Culleredo, Fene, Ferrol, Fisterra, Gondomar, Lugo, Melide, Moaña, Muxía, Nigrán, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Sada, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Silleda, Soutomaior, Teo, Tui, Verín, Vigo e Xinzo de Limia. 

Proceso de selección unitario

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, deles -incluídas as sete cidades galegas- 92 deles encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón máis do 75%. 

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Data de actualización: 21/08/2026