A Unidade de Investigación de conservación da natureza da Xunta decomisa 154,7 kg de berberecho no Parque Natural de Corrubedo por extracción ilegal

Os axentes da UICON detectaron a infracción durante un operativo de vixilancia antifurtivismo, coa presenza de 4 furtivos nunha zona restrinxida deste espazo natural

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026

Axentes ambientais da Unidade de investigación de conservación da natureza (UICON), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, localizaron en días pasados 154,7 quilogramos de berberecho no marco dun operativo de vixilancia antifurtivismo no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. 

A intervención realizouse durante unha vixilancia continuada con visores nocturnos, dron e prismáticos, detectando a presenza de 4 furtivos extraendo berberecho e onde escondían estes moluscos captados. Os axentes decomisaron todos os exemplares e devolvéronos ao medio natural ao atoparse en boas condicións. 

A actuación enmárcase no plan operativo anual da UICON, unha nova brigada móbil integrada por oito axentes cunha alta capacitación técnica que puxo en marcha a Xunta este ano para abordar materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren de especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares, así como dunha coordinación e estratexia única en todo o territorio galego. 

Así, a Lei 5/2019 do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia prohibe a extracción de recursos naturais en espazos naturais protexidos sen autorización, polo que os autores destas infraccións foron identificados e cunha acta de denuncia por infrinxir esta lei.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2026