A intelixencia artificial, o internet das cousas, o big data e os xemelgos dixitais configuran un novo modelo para a xestión do territorio en Galicia
O Programa de Xestión Territorial Intelixente da Xunta permitiu, en 2025, poñer en marcha 15 proxectos con funcionalidades xeográficas, 4 proxectos piloto de xemelgos dixitais e ampliar o número de servizos de información xeográfica
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2026
A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.
O balance, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), destaca que os principais avances en 2025 están vinculados ao ámbito dos sistemas de información xeoespacial e á Plataforma Territorio Intelixente. En concreto, desenvolvéronse 15 novos proxectos con funcionalidades xeográficas integradas e publicáronse novos servizos de información xeográfica. Estes servizos permiten almacenar, xestionar a analizar a información para avaliar riscos naturais, planificar rutas e xestionar emerxencias, infraestruturas e transporte, entre outras utilidades.
O informe destaca tamén o avance no despregamento da plataforma de soporte de xemelgos dixitais. Puxéronse en marcha catro proxectos piloto no marco da iniciativa estatal das Redes de Especialización Tecnolóxica (Retech). Así mesmo, habilitouse un xeocatálogo para facilitar a difusión interna e a gobernanza dos conxuntos de datos e servizos de información xeográfica. En 2025 procesáronse con este criterio 15 recursos xeoespaciais.
Púxose en marcha tamén o Espazo de Innovación Rural Aplicada EIRA, no que colaboran a Amtega e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O seu obxectivo é aplicar tecnoloxías intelixentes baseadas no territorio en ámbitos rurais para impulsar a recuperación de terras agrarias.