A Xunta aproveita a campaña ‘Fóra Stocks Boiro 2026’ para apostar por un comercio sostible de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo asistiu hoxe á xornada final da iniciativa da Asociación Boirense de Empresas (ABE), apoiada polo Goberno galego
Neste marco, instalouse un posto informativo da campaña autonómica ‘Comercio Compensa’, que promove hábitos de compra máis responsables e fomenta o uso de alternativas reutilizables
Gabriel Alén destacou que ABE foi unha das entidades beneficiarias das axudas a centros comerciais abertos que distribuíron este ano case 733.000 euros na provincia da Coruña, no caso boirense, cunha achega que incluirá unha campaña extraordinaria
Boiro (A Coruña), 22 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á xornada final da campaña Fóra Stocks Boiro 2026, unha iniciativa impulsada pola Asociación Boirense de Empresas (ABE) co apoio da Xunta. Co gallo de dinamizar o comercio local, está programada unha axenda festiva que inclúe talleres infantís e música a pé de rúa, ademais do necesario cambio de tíckets de compra por rifas para participar no sorteo final de 300 euros en bonos ABE.
Ao abeiro desta iniciativa, instalouse tamén un posto informativo da campaña autonómica Comercio Compensa, coa que o Goberno galego promove hábitos de compra máis responsables, fomenta o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio de proximidade. Así, todas as persoas que presenten un tícket de compra recibirán unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, ata esgotar existencias.
Durante a súa visita, Gabriel lembrou que a Asociación Boirense de Empresas foi unha das cinco seleccionadas pola Xunta este ano para desenvolver unha campaña extraordinaria de dinamización comercial, tras figurar entre as mellor valoradas na convocatoria aos centros comerciais abertos na que se apoiaron un total de 56 entidades de toda Galicia. No caso da provincia da Coruña, resultaron beneficiarios 18 CCA, cun montante total próximo aos 733.000 euros.
En concreto, do 8 ao 26 de setembro terá lugar en Boiro unha gran partida do comercio local inspirada no xogo do Monopoly. Así, o municipio transformarase simbolicamente nun gran taboleiro no que cada compra realizada constituirá un movemento activo a favor da economía de proximidade. A campaña combinará incentivos económicos reais, gamificación e programación lúdica, orientados a incrementar o fluxo de público e o consumo, e a reforzar o vínculo emocional co comercio local.