A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visita o chiringuito ‘Bico Beach’ en Sanxenxo como exemplo de establecemento que aposta por integrarse na contorna

A Xunta destaca as case 1.000 instalacións, servizos e actividades de tempada autorizadas no litoral no marco da primeira campaña baixo a súa xestión directa

Ángeles Vázquez salienta que este é o primeiro ano que o Goberno galego xestiona de forma íntegra os servizos de lecer de carácter temporal na franxa costeira, que, como novidade, poden abrir de forma continuada desde Semana Santa ata o 31 de outubro

Tras asumir en xullo de 2025 o autogoberno pleno sobre o litoral, subliña o esforzo feito por unificar os criterios e prazos das autorizacións en toda Galicia e o impulso ao Plan de vixilancia da ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre

Para seguir avanzando no desenvolvemento sostible da costa, a conselleira anima aos titulares de establecementos de tempada a apostar pola integración paisaxística e pola eficiencia no consumo enerxético e na xestión dos residuos das súas instalacións

Sanxenxo (Pontevedra), 21 de agosto de 2026

A Xunta destacou hoxe as preto de 1.000 autorizacións concedidas a instalacións, servizos e actividades en dominio público marítimo terrestre ou en zona de servidume de protección durante a actual tempada de lecer no litoral galego, a primeira que xestiona integramente desde o traspaso efectivo a Galicia das funcións e servizos para a xestión do litoral.

Así o salientou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao chiringuito Bico Beach, localizado entre as praias de Magor e Pragueira e un dos establecementos autorizados no marco da campaña de 2026.

Acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a conselleira explicou que unha das novidades que introduciu a Xunta nesta campaña foi permitir que, por primeira vez en Galicia, os titulares deste tipo de instalacións e servizos de lecer poidan abrir os seus establecementos de forma ininterrompida desde Semana Santa e ata o 31 de outubro, sen ter que desmontalos entre o mes de abril e o inicio da campaña de verán.

Despois de que a Xunta asumira o 1 de xullo de 2025 o autogoberno pleno sobre a súa costa, Ángeles Vázquez incidiu tamén no esforzo realizado desde o punto de vista administrativo, con máis de 2.400 títulos habilitantes outorgados desde entón no litoral, dos cales 965 se corresponden con autorizacións para servizos de tempada e eventos concedidas durante a tempada 2026.

Neste sentido, fixo fincapé no peso e na importancia que teñen este tipo de actividades temporais no litoral, motivo polo que a Xunta se esforzou por implantar outras melloras importantes como a unificación de criterios e prazos das autorizacións en toda Galicia (fronte á situación anterior ao traspaso, na que o Goberno central aplicaba distintas fórmulas en cada provincia) ou o impulso ao Plan de vixilancia da ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre, para garantir a adecuada conservación da costa, verificando o cumprimento das condicións dos títulos outorgados.

Chiringuitos sostibles e integrados

No marco da aposta da Xunta por impulsar un desenvolvemento sostible do litoral, baseado en criterios ambientais, sociais e paisaxísticos, a conselleira incidiu tamén na importancia de contar coa implicación dos propios titulares de servizos e instalacións que ocupan temporalmente a franxa costeira para avanzar cara a ese mesmo obxectivo.

Así, Ángeles Vázquez animou aos responsables deste tipo de establecementos a seguir apostando pola sostibilidade como modelo de negocio a través de accións que pasan desde o emprego de materiais reutilizables e reciclables nas súas instalacións e mobiliario ata a aposta por un modelo enerxético máis eficiente ou pola recollida selectiva dos residuos que xeran.

Neste sentido, puxo en valor actuacións concretas como as acometidas este ano en Bico Beach, que considerou un bo exemplo de que as actividades económicas no litoral poden ser rendibles, sostibles e desenvolverse buscando a súa harmonía coa contorna. En concreto, explicou que os titulares do chiringuito se guiaron por esta premisa á hora de acometer a renovación de parte do seu mobiliario, coa colocación de elementos de sombreado e plataformas de madeira con certificado de xestión forestal sostible.

Por iso, a responsable autonómica salientou a importancia deste tipo de pequenas actuacións xa que teñen un impacto inmenso e moi positivo na imaxe e no coidado do litoral, un litoral, engadiu, “que debe reflectir o que é #GaliciaCalidade”

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2026