Galicia, referente europea na xestión de emerxencias por incendios forestais desde Bruxelas neste verán

Raquel Carreira, enxeñeira técnica forestal da Xunta, formou parte do equipo especializado da UE en incendios forestais, o ERCC, durante os incendios de Madrid e Castela e León, así como na xestión doutros lumes en Francia, Grecia ou Portugal

Aportou o coñecemento e a forma de traballar do dispositivo galego, no marco do Mecanismo Europeo de Protección Civil

Nesta unidade intégranse durante o verán expertos de distintos países europeos e unha delas foi esta profesional da nosa comunidade, adscrita ao distrito forestal IX (Lugo-Sarria)

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2026

A galega Raquel Carreira, enxeñeira técnica forestal da Consellería do Medio Rural, formou parte do equipo especializado que xestionou desde Bruxelas a emerxencia durante os incendios rexistrados en Madrid e Castela e León en xullo pasado, así como tamén na análise de potencialidade doutros lumes, como os acontecidos en Francia, Grecia ou Portugal, entre outros.

Fíxoo no Centro de Coordinación da Resposta a Emerxencias (ERCC, polas súa siglas en inglés), o núcleo do Mecanismo de Protección Civil da UE, desde onde se supervisa os acontecementos en todo o mundo e garante o rápido despregamento de apoio de emerxencia despois de grandes desastres, incluídos os agravados polo cambio climático, como secas, incendios forestais etc. O Centro coordina a prestación de asistencia aos países afectados por desastres, como artigos de socorro, coñecementos especializados, equipos de protección civil e equipos especializados.

Raquel Carreira está destinada actualmente no distrito forestal IX (Lugo-Sarria), dentro do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia. A súa ampla experiencia fixo que fose seleccionada como unha das expertas que se integraron no ERCC, e alí aportou o coñecemento e a forma de traballar do dispositivo galego.

Única galega no equipo

Carreira entrou a formar parte da sección de incendios forestais, departamento que cada vez está a coller máis relevancia e que conta cun equipo especializado e multidisciplinar. Nel, durante o verán, intégranse expertos de distintos países europeos e unha delas foi esta enxeñeira, a única galega. Esta unidade encárgase da detección de lumes nos distintos países da UE e da análise da súa potencialidade, estudando o nivel de risco. O traballo que se desenvolve neste departamento serve para anticiparse ás situacións e tamén para ter unha previsión dos acontecementos e contar con información da potencialidade de todos os incendios.

Isto serve, ademais de para compartir a información cos países afectados, para que cando un Goberno solicita axuda do Mecanismo, ter a información necesaria para dar a resposta máis axeitada e rápida posible.

Coñecemento e experiencia de Galicia

Durante a súa estadía na capital comunitaria, Carreira participou nunha presentación sobre o funcionamento do ERCCC e sobre a experiencia adquirida na organización dos postos de mando, que o equipo deste centro ofreceu a varias enxeñeiras e enxeñeiros forestais da Xunta de Galicia, nun encontro que puxo tamén en valor o coñecemento e a experiencia da enxeñería forestal galega, amplamente recoñecidos no ámbito europeo.

Asemade, desde Bruxelas tamén se fai o seguimento dos equipos que a UE ten despregados en cada país. Así, no caso de Galicia, a Raquel coincidiulle a súa estancia en Bruxelas cando o equipo búlgaro estaba a formarse na nosa comunidade. Ao longo do mes de xullo, 40 bombeiros búlgaros trasladáronse a Galicia para coñecer os métodos, procedementos e ferramentas empregadas polo SPIF, coa finalidade de fomentar a aprendizaxe mutua e o intercambio de coñecementos, tanto a nivel técnico como operativo, dentro do devandito Mecanismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2026