Villares destaca o impulso das axudas da Xunta á modernización e competitividade do sector mineiro

O delegado territorial en Lugo visitou en Alfoz do Castrodouro as instalacións de Mármoles e Granitos Reigosa, beneficiaria das achegas destinadas a esta actividade industrial vinculada aos recursos naturais

Alfoz do Castrodouro (Lugo), 24 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento dunha minaría máis sustentable, segura e competitiva, en liña cos obxectivos da Axenda de impulso da minaría de Galicia, e puxo en valor a contribución das axudas autonómicas á modernización e competitividade das empresas do sector.

Villares visitou en Alfoz do Castrodouro as instalacións de Mármoles e Granitos Reigosa, beneficiaria destas achegas da Xunta o ano pasado, que puido incorporar así novo equipamento e mellorar os seus procesos produtivos. En concreto, o apoio recibido permitiu á empresa adquirir un novo centro de fresado de control numérico para os seus traballos de elaboración de pedra. O novo equipamento facilita a automatización dos procesos, amplía as posibilidades de mecanizado e permite mellorar a eficiencia e a capacidade produtiva da compañía.

O delegado territorial puxo este investimento como exemplo de como as axudas da Xunta se traducen en melloras concretas nas empresas do sector e lembrou que hoxe, 24 de agosto, remata o prazo de presentación de solicitudes á nova convocatoria.

O programa, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, conta cunha dotación de 2,5 millóns de euros e consta de cinco liñas de axudas: para investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde; para a redución da exposición ao po no sector da rocha ornamental; para a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, especialmente por parte de empresas de envasado de augas minerais e de explotación de balnearios; e para procesos de certificación.

As achegas oscilan entre os 3.000 e os 150.000 euros e están dirixidas a empresas privadas do sector mineiro e de actividades relacionadas cos recursos naturais que desenvolvan a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026