A Xunta convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a programación desta actividade formativa destinada ao persoal dos corpos das policías locais
A iniciativa forma parte do programa de formación da Academia Galega de Seguridade Pública, centro de referencia na preparación das forzas e corpos de seguridade en Galicia
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas. A actividade vai dirixida ao persoal dos corpos das policías locais de Galicia co obxectivo de garantir unha adecuada preparación no uso da súa arma regulamentaria.
A través desta iniciativa, todos os axentes das policías locais de concellos que non posúen galería de tiro propia poden asistir ás clases gratuítas na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), impartidas por persoal instrutor titulado. As administracións locais interesadas en participar poden xa reservar prazas para os seus policías antes do 2 de outubro. As prácticas realizaranse o 13, 15, 27 e 29 de outubro, e o 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de novembro en franxas horarias que abranguen das 10,00 ás 20,30 horas.
Cada ano, máis da metade dos policías locais de Galicia, preto de 1.500, acoden á Agasp para facer as dúas prácticas de tiro regulamentarias. Na galería de tiro da academia impártense tamén as clases das novas promocións e os cursos de formación continua tanto da Policía Local, como da Policía Nacional e da Garda Civil, polo que ten unha ocupación do 100% cada exercicio.
Cómpre lembrar que a arma regulamentaria é un elemento de dotación obrigatoria para todos os axentes da autoridade. O seu manexo forma parte como materia troncal nos cursos de acceso á categoría de policía e a práctica continua é fundamental para adquirir as destrezas precisas no caso de ter que ser empregada.
Programa formativo
O Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas forma parte do programa formativo da Agasp, que prevé ao longo deste ano máis de medio milleiro de cursos que suman case 21.000 horas e máis de 17.800 prazas.
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias a prol da seguridade da poboación galega.