A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 11 quilómetros de varios ríos, no concello pontevedrés de Meis

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 14 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

 

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 11 quilómetros dos ríos Canon, Manela, Monte, Umia e Armenteira ao seu paso polo concello pontevedrés de Meis.

En concreto, as tarefas que xa foron comunicadas ao Concello, desenvólvense en varios lugares das parroquias de Nogueira, Lois, Paradela, San Lourenzo, Baión, Armenteira e San Martiño de Meis, e consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle, así como tamén na roza puntual e selectiva de acceso á mesma. Os traballos, que se prolongarán ao longo de 14 semanas, realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha minidumper e un camión.

Unha vez rematadas estas actuacións, os tramos fluviais presentarán mellores condicións para a circulación das augas, contribuíndo tamén á conservación do ecosistema fluvial e á prevención de incidencias asociadas á acumulación de elementos na canle.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona do río Umia catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026