A Xunta promove o ocio activo en Ferrolterra a través do minicampamento ‘Valdoviño Mariño VI’
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos nenos e nenas que participan esta semana na última quenda desta proposta lúdica incluída na campaña de verán 2026 da Xunta
A iniciativa que se leva a cabo en Meirás, inclúe actividades como o surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como o sendeirismo ou o fútbol praia
Valdoviño (A Coruña), 25 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos participantes da quinta edición do minicampamento Valdoviño Mariño que se está a desenvolver en Meirás. Esta iniciativa lúdica, a través da que a Xunta de Galicia financia estadías de cinco días en aloxamentos turísticos para nenos e nenas, está incluída dentro da campaña de verán 2026 Modo Verán Activo.
A responsable autonómica destacou a oportunidade que esta actividade supón para a vintena de nenos participantes á hora de achegarse “a un ocio activo e saudable”. Así, entre as actividades a realizar neste minicampamento centrado en actividades náuticas inclúese o surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como o sendeirismo ou o fútbol praia. A desta semana é a terceira das tres quendas que este ano aglutinou Valdoviño Mariño VI.
Aneiros aproveitou a visita para poñer en valor a campaña de verán promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da que se ofertan durante os meses de xullo, agosto e setembro, 11.932 prazas, a maior oferta da súa historia, entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia, intercambios con outras Comunidades Autónomas e outras actividades. Toda a información pode consultarse na páxina web Xuventude.