Villares aborda co alcalde de Carballedo os proxectos e investimentos da Xunta no municipio

Na primeira visita institucional ao concello, o delegado territorial puxo en valor as recentes colaboracións en materia de servizos, emprego e infraestruturas

Carballedo (Lugo), 25 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, no marco das visitas institucionais que está a realizar aos concellos da provincia, para abordar as principais necesidades locais e facer seguimento dos investimentos e os proxectos que o Goberno galego está a impulsar no municipio.

Entre as colaboracións comprometidas este ano, Villares referiuse á achega de 12.200 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), en réxime de concorrencia non competitiva, para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de alumeado público, así como aos 100.000 euros concedidos a través da nova liña de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, que se destinarán a distintas actuacións de mellora na Casa do Concello, no fogar residencial e no centro de día, así como á construción dun parque infantil na localidade.

Na xuntanza falaron tamén do obradoiro dual de emprego ‘Serra do Faro X’, compartido cos concellos de Chantada e Taboada, e ao que a Xunta destina 544.552 euros. No que atinxe a Carballedo, o alumnado encárgase do mantemento de xardíns e zonas verdes e da reconstrución dun muro na Rectoral de Santa Cristina, entre outras actuacións, ademais de reforzar a atención sociosanitaria a persoas dependentes no centro de día da Barrela.

Villares lembrou outros proxectos recentes que contaron coa colaboración da Administración autonómica, como a mellora da eficiencia enerxética en instalacións municipais, a renovación do alumeado público no lugar de Vilar do Monte, na parroquia da Aguada, ou a adecuación do local social da parroquia de Furco para facelo máis accesible e eficiente. Destacou tamén a adquisición dun depósito de gasóleo para o CEIP Xosé Luís Taboada e as melloras executadas en infraestruturas viarias, como a pavimentación de camiños municipais no lugar de Esmolfe.

O representante autonómico reafirmou o compromiso da Xunta “de seguir ao carón dos concellos para avanzar na mellora de infraestruturas e servizos públicos, especialmente nos municipios do rural” e salientou a importancia de manter unha “colaboración permanente” coas administracións locais para atender as súas necesidades e ofrecer novas oportunidades de futuro no territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026