Villares destaca os investimentos que realiza a Xunta para mellorar servizos e dotacións en Chantada

O delegado territorial referiuse durante a súa primeira visita institucional ao Concello a proxectos como a mellora da accesibilidade na Praza de Abastos, a creación dun parque infantil ou a pavimentación de distintas rúas da localidade

Chantada (Lugo), 19 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, para coñecer de primeira man as principais necesidades do municipio e avaliar as actuacións que o Goberno galego está a impulsar para reforzar os servizos e dotacións locais.

Entre as máis recentes, figura a mellora da accesibilidade na Praza de Abastos, que recibiu unha achega de 48.100 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) non competitivo, ou o acondicionamento das pistas de tenis no parque Eloísa Rivadulla, ao que a Xunta destina 36.000 euros da orde de infraestruturas de uso público.

Villares referiuse tamén ao obradoiro dual de emprego ‘Serra do Faro X’ que contempla entre as súas actuacións a pavimentación da praza Concepción Arenal e da rúa do Comercio, así como o acondicionamento de novas zonas axardinadas ou a colaboración na atención sociosanitaria a persoas dependentes no centro de día da Barrela. O proxecto, compartido cos concellos de Carballedo e Taboada, conta cun orzamento de 544.500 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Durante a visita repasáronse tamén outras actuacións promovidas nos últimos meses en colaboración co Concello, como a humanización e creación dun parque infantil na praza Luis García Arias, a adecuación da contorna da Igrexa de Santa María de Nogueira, a rehabilitación da casa-escola de Mouricios ou a mellora da cuberta e substitución das fiestras no CEIP Xoán do Requeixo, así como a reforma da instalación eléctrica neste centro e no CEIP Eloísa Rivadulla.

Igualmente, no ámbito dos servizos sociais puxo de manifesto o incremento do orzamento que destina a Consellería de Política Social e Igualdade a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, que acada nesta anualidade os 748.300 euros no municipio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026