A Xunta reivindica en Portonovo o papel das axudas que Mar destina ao desenvolvemento local como motor das zonas costeiras
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, subliña a boa execución das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, que entre 2023 e 2025 apoiaron 339 iniciativas con preto de 25 M€ de financiamento público
Visitou o Club Náutico de Portonovo, beneficiario destas achegas para desenvolver actividades náuticas sostibles e inclusivas dirixidas á mocidade e a persoas con discapacidade
Sanxenxo (Pontevedra), 24 de agosto de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, puxo hoxe en valor as axudas que a Consellería do Mar destina ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e o impacto que está ferramenta tractora ten para dinamizar as comunidades costeiras galegas, impulsar novas iniciativas vinculadas ao mar e favorecer a mobilización de investimento nos territorios. Así o destacou durante unha visita ao Club Náutico de Portonovo, onde coñeceu varios proxectos desenvolvidos pola entidade ao abeiro destas axudas do Goberno galego.
A representante da Consellería do Mar salientou a boa execución deste programa, articulado a través dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Neste sentido, lembrou que as convocatorias correspondentes aos anos 2023, 2024 e 2025 permitiron impulsar 339 proxectos cunha axuda pública de preto de 25 millóns de euros, aos que se sumaron máis de 21 millóns de investimento privado. En conxunto, estas actuacións mobilizaron preto de 46 millóns de euros nas zonas costeiras galegas.
Ángeles V. Suárez destacou ademais a capacidade destas iniciativas para multiplicar o efecto dos recursos públicos sobre a economía. A avaliación realizada sobre os proxectos desenvolvidos entre 2023 e 2025 estima un impacto socioeconómico global superior aos 93,5 millóns de euros, case catro veces o investimento público realizado.
A directora xeral incidiu en que estas cifras demostran a eficacia dun modelo baseado na participación directa dos axentes dos territorios, que permite adaptar os investimentos ás necesidades e oportunidades específicas de cada zona. Os oito GALP galegos integran máis de 400 organizacións representativas dos ámbitos económico, social e público, entre elas preto dun cento de entidades pertencentes ao sector pesqueiro.
A boa acollida destas liñas de apoio mantense na convocatoria correspondente a 2026, á que se presentaron un total de 226 solicitudes. Ángeles V. Suárez sinalou que este interese evidencia a consolidación das EDLP como unha vía para canalizar novos proxectos capaces de xerar actividade económica, fortalecer o tecido social e aproveitar de forma sostible os recursos e potencialidades das zonas costeiras.