Turismo de Galicia apoia a declaración de interese internacional para a romaría da Virxe da Barca de Muxía

O informe destaca o valor cultural, patrimonial e xacobeo dunha celebración que reúne cada ano a miles de visitantes na Costa da Morte

Será o Concello de Muxía o que remita o expediente ao Ministerio de Industria e Turismo, encargado de resolver definitivamente a declaración internacional da cita

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026

Turismo de Galicia informou favorablemente a solicitude do Concello de Muxía para que a Romaría da Virxe da Barca sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional, un recoñecemento que suporía un novo impulso á proxección exterior dunha das celebracións máis arraigadas e singulares de Galicia.

O informe favorable foi emitido tras analizar a documentación presentada e valorar o cumprimento dos requisitos establecidos. Neste sentido, a Xunta puxo en valor a Romaría da Virxe da Barca como exemplo da capacidade de Galicia para converter o seu patrimonio, as súas tradicións e a súa identidade en recursos de atracción turística, ao tempo que salientou a súa estreita vinculación coa tradición xacobea e cun dos territorios de maior proxección turística de Galicia como é a Costa da Morte.

A vinculación co Xacobeo e co Camiño de Santiago é un dos principais valores da celebración. A lenda da aparición da Virxe ao Apóstolo Santiago en Muxía conecta a romaría coa historia das peregrinacións a Galicia, mentres que o Santuario da Virxe da Barca é un dos destinos asociados á prolongación do Camiño ata a Costa da Morte.

A romaría, que se celebra cada mes de setembro e mantén unha tradición de peregrinación documentada desde hai séculos, combina os actos relixiosos cun amplo programa cultural e festivo, apoiado pola veciñanza e asociacións locais, que contribúen a manter vivo un patrimonio transmitido de xeración en xeración e proxectar á localidade dentro e fóra de Galicia.

Con esta valoración favorable, a Romaría da Virxe da Barca avanza no seu obxectivo de converterse nunha nova referencia internacional do calendario festivo galego e de reforzar a posición de Muxía e da Costa da Morte como destinos vinculados á tradición xacobea e á experiencia da peregrinación, á espera de que o Concello de Muxía remita o expediente ao Ministerio de industria en Turismo, ao que lle corresponderá resolver definitivamente a declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026