Belén do Campo destaca o apoio da Xunta aos 5 proxectos 'Camiño á afouteza' de Gaia Inclusiva, que promove o benestar e o empoderamento feminino no Camiño Inglés
A delegada da Xunta informou que a iniciativa de Gaia Inclusiva enmárcase na convocatoria de 2026 do programa O Teu Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia, que destina case un millón de euros a 55 proxectos cos que se favorecerá a realización de preto de 300 actividades por todo o territorio galego
Carral (A Coruña), 16 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, visitou en Carral unha das cinco actividades do proxecto Camiño á Afouteza: experiencias colectivas de resiliencia no Camiño Inglés, unha iniciativa impulsada por Gaia Inclusiva e apoiada polo Goberno galego a través do programa “O Teu Xacobeo 2026”, cunha subvención de 15.640 euros.
Belén do Campo explicou que o proxecto articúlase arredor de cinco experiencias colectivas en cinco concellos vinculados ao Camiño Inglés, co obxectivo de promover o benestar, o crecemento persoal e o empoderamento das mulleres participantes a través dos valores xacobeos. A proposta estrutúrase en cinco etapas —conectar, prestar atención, dar, aprender e ser activa— que buscan fortalecer os vínculos entre as participantes, favorecer a súa conexión co territorio e crear espazos de encontro, participación e apoio mutuo.
O grupo está formado por 15 mulleres con perfís, idades e traxectorias diferentes, unidas polo interese por compartir experiencias, coñecer outras persoas, crear novas amizades e construír unha rede de apoio. Entre as motivacións expresadas polas participantes destacan tamén a aprendizaxe, o crecemento persoal, a conexión coa natureza e co territorio e a posibilidade de sentirse parte dunha comunidade. Precisamente, o proxecto busca ofrecerlles un espazo no que parar, conversar, recuperar confianza e avanzar acompañadas, a partir de realidades diversas e experiencias compartidas.
A actividade celebrada en Carral, baixo o título “Dar: Facer pan, facer comunidade”, estivo centrada na tradición panadeira do municipio e no valor do pan como elemento de encontro, convivencia e transmisión de coñecementos. A través dun obradoiro práctico e participativo, as mulleres elaboraron pan e outros produtos en pequenos grupos, combinando o traballo colectivo coa conversa e coa posta en valor dun saber tradicional moi ligado á identidade local.
A xornada incluíu tamén un espazo de degustación e conversa arredor da mesa, no que participou Mari Carmen Fernández, da panadería Pedro Fernández, que compartiu a súa experiencia e a tradición do oficio desde unha perspectiva próxima e persoal. A proposta permitiu conectar a elaboración artesanal do pan cos valores de colaboración, coidado e construción de comunidade que vertebran esta terceira etapa do itinerario.
Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor iniciativas que, como esta, combinan a promoción dos valores do Camiño de Santiago coa igualdade, a participación social e a posta en valor das tradicións e dos recursos propios de cada territorio. Así mesmo, destacou a importancia de impulsar propostas que sitúan as persoas no centro e que contribúen a crear espazos de convivencia, aprendizaxe e apoio mutuo, nos que as mulleres poidan compartir experiencias, fortalecer a súa confianza e establecer novos vínculos.
“Camiño á Afouteza” inclúe cinco actividades en diferentes localidades vinculadas ao Camiño Inglés. A primeira celebrouse na praia de Oza, na Coruña, o pasado 11 de setembro, baixo o título “Soñar na area”, cunha proposta de conexión co territorio mediante a creación colectiva e a reutilización artística de materiais recollidos na praia. A segunda etapa tivo lugar o 2 de outubro na fraga de Cecebre, en Cambre, co “Baño de bosque”, unha actividade con dinámicas de observación e conexión coa contorna natural e a beira do río. A experiencia de Carral constitúe a terceira etapa do itinerario.
As seguintes actividades desenvolveranse en Mesía, o 26 de outubro, coa proposta “Aprender: Coidar a terra, coidarse”, un obradoiro de artesanía con materiais naturais dinamizado por Idoia Cuesta, artesá galega recoñecida co Premio Nacional de Artesanía en 2014 e co Premio Artesanía de Galicia en 2021. O proxecto concluirá coa etapa “Ser activas”, que consistirá no peche do Camiño ata Santiago de Compostela.
O Teu Xacobeo impulsa 55 proxectos
A iniciativa de Gaia Inclusiva enmárcase na convocatoria de 2026 do programa O Teu Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia, que destina case un millón de euros a 55 proxectos cos que se favorecerá a realización de preto de 300 actividades por todo o territorio galego.
En concreto, recoñecéronse 38 proxectos na liña 1, destinada a persoas físicas e xurídicas, e outros 17 na liña 2, dirixida a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro. O importe máximo da axuda concedida en cada unha das liñas é de 25.000 euros.
Desde a súa posta en marcha en 2018, “O Teu Xacobeo” promove a difusión dos valores do Camiño de Santiago a través de iniciativas culturais, sociais, deportivas e patrimoniais vinculadas ao Ano Santo. O programa presta especial atención á inclusión, á igualdade e á accesibilidade, favorecendo a participación de públicos diversos e impulsando actividades tamén nos municipios de menos de 5.000 habitantes vinculados ás rutas xacobeas.
Ademais, Turismo de Galicia abriu o pasado 1 de outubro unha nova convocatoria para apoiar proxectos que se desenvolvan en 2027, cun orzamento de dous millóns de euros. As persoas profesionais, as pequenas e medianas empresas e as entidades sen ánimo de lucro interesadas poden presentar as súas propostas ata o 31 de outubro.