O Plan específico de acción comunitaria impulsado pola Xunta beneficia preto de 300 entidades locais

O Goberno galego inviste tres millóns de euros nesta iniciativa destinada a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas

O apoio autonómico facilítalles a execución de melloras nas súas infraestruturas, tanto a través de obras como da adquisición de equipamento

A medida, enmarcada no compromiso co asociacionismo local, suma preto de 2.700 colectivos beneficiados e un investimento de case 29 millóns de euros desde a súa posta en marcha 

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026

O Plan específico de acción comunitaria impulsado pola Xunta beneficia este ano preto de 300 colectivos locais para a execución de 333 proxectos de mellora nas súas infraestruturas, 240 centrados en obras e 93 na adquisición de equipamento. A medida, dotada con tres millóns de euros, vai dirixida a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, co obxectivo de apoiar o movemento veciñal para mellorar a convivencia e dinamizar a vida social e cultural en todo o territorio galego.

A meirande parte das entidades beneficiarias son da provincia de Pontevedra, con 103 colectivos que se reparten máis de 1,1 millóns de euros para executar 115 proxectos, 97 de obras e 18 de adquisición de equipamento. Ourense suma 90 entidades, que solicitaron apoio para 111 proxectos, 67 de obras e 44 de equipamento. As achegas destinadas neste caso suman máis de 950.000 euros.

En Lugo, 55 asociacións distribúense máis de 500.000 euros para 57 melloras, 44 de obras e 13 de equipamento, mentres que na Coruña, 44 entidades reciben máis de 428.000 euros para 50 melloras, 32 de obras e 18 de equipamento.  

Materialízanse así as dúas liñas coas que conta esta orde de axudas, a de obras, cun presuposto de case 2,6 millóns de euros, e a de equipamento, con máis de 400.000. A primeira delas abrangue actuacións de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade. 

No que se refire ás instalacións das traídas comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, inclúense obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e outros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.

Pola súa banda, o apoio á dotación de equipamento para o funcionamento das distintas entidades e a organización de actividades específicas facilita a adquisición de mobiliario, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual.

As axudas económicas concedidas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismos de bacía como titulares de aproveitamento de augas. Todas elas deben conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais. 

Desde a posta en marcha desta orde enmarcada no compromiso co asociacionismo local, o Goberno galego leva investidos case 29 millóns de euros que beneficiaron preto de 2.700 entidades. Trátase de achegas destinadas aos colectivos máis próximos á veciñanza e que mellor poden canalizar as necesidades e demandas da poboación.

Data de actualización: 26/08/2026