A Xunta achega a danza ao alumnado galego coa primeira edición de ‘Danzamanía’ fóra de Madrid
A iniciativa, que conta coa colaboración do Centro Coreográfico Galego, combina actividades formativas con funcións para escolares no Salón Teatro
Os centros Quiroga Palacios e Rosalía de Castro de Santiago acollerán os talleres nos que a rapazada poderá experimentar coa danza desde diferentes perspectivas
As representacións terán lugar os días 21, 22 e 23 de outubro en Santiago de Compostela, con acceso de balde e reserva previa para os centros de ensino
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia colabora na primeira extensión fóra de Madrid do programa Danzamanía, o programa impulsado por Emprendo Danza que busca achegar a danza ao alumando de primaria e secundaria mediante obradoiros nos centros educativos e representacións para escolares no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa na que colabora o Centro Coreográfico galego e na que participan tres compañías de Galicia, Valencia e Cataluña, que ofrecerán as súas funcións os días 21, 22 e 23 de outubro.
Así, nesta terceira edición de Danzamanía incorpórase unha programación galega que conecta a experiencia de asistir a un espectáculo coa participación da rapazada en actividades de creación e expresión oral co obxectivo de situar a danza na vida cotiá e explorar as súas posibilidades como ferramenta formativa para o desenvolvemento do alumnado.
Neste senso, os obradoiros que se levan a cabo nos centros educativos permitirán ao alumnado traballar directamente cos profesionais das compañías arredor dos contidos e das linguaxes escénicas de cada peza. No caso concreto de Galicia, ofrecerase un taller para rapazada de entre 4 e 8 anos no colexio Cardeal Quiroga Palacios e outro para nenos e nenas a partir de dez anos no Instituto Rosalía de Castro, ambos en Santiago de Compostela.
O primeiro deles centrarase nas dinámicas inspiradas no clown, na comedia, no xogo e no movemento creativo, mentres que na segunda proposta abordarase a relación entre a danza, o audiovisual e as redes sociais creando vídeos, bailando e observando o traballo doutros bailaríns.
Tres propostas para descubrir a danza
A proposta complétase coa programación no Salón Teatro, onde se levarán a cabo as funcións para escolares. O calendario abrirase o 21 de outubro con O arcón do Noa, da compañía galega Amarelo, un relato de fantasía que combina danza contemporánea e obxectos.
O 22 de outubro, Cristina Gómez presentará Dance is my heroine, unha proposta que aborda con humor a identidade, o corpo e as redes sociais. Iron Skulls pechará o programa o día 23 con Famulus 4.0, que utiliza o breaking para reflexionar sobre os vínculos humanos e a tecnoloxía.
As tres funcións comezarán ás 12,00 horas, con capacidade concertada para público escolar. As solicitudes deberán enviarse ao correo formacion.ccg@xunta.gal cos datos do centro, a actividade elixida, o curso e o número de asistentes, incluído o profesorado, e atenderanse por orde de chegada. Os centros sen praza nos obradoiros poderán solicitar igualmente a asistencia ás funcións.