As relacións saudables e a igualdade son os temas máis tratados nos puntos lila e arco iris da Xunta
Estes espazos seguros xa estiveron presentes en sete dos principais festivais de música de Galicia ao longo deste verán
O respecto aos límites persoais e o bo trato son algunhas das reflexións máis destacadas nas dinámicas desenvolvidas cos participantes
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026
As relacións saudables e a igualdade son os temas máis abordados nos puntos lila e arco iris que a Xunta leva este verán aos principais festivais musicais dentro do seu compromiso coa sensibilización e o asesoramento en materia de igualdade e prevención das violencias machistas.
Estes espazos seguros xa pasaron polo Son do Camiño, Resurrection Fest, festival de Ortigueira, Atlantic Fest, PortAmérica, Morriña Fest e, a pasada fin de semana, Río Verbena Fest. Nas seis primeiras destas citas atenderon a máis de 7.000 persoas.
A zona de información, orientada á prevención, formación e dinamización, foi a que concentrou a maior parte da actividade. Nela abordáronse temas como a igualdade de xénero, as relacións afectivas saudables, a prevención das violencias, a saúde sexual e a diversidade Lgtbi. Dentro destas áreas, tiveron especial relevancia as reflexións acerca das sinais de alarma nas relacións, o respecto aos límites persoais, o bo trato e a identificación de determinadas conductas de control.
As dinámicas desenvolvidas nos puntos lila e arco iris tamén permitiron detectar e cuestionar mitos e falsas crenzas relacionados coa sexualidade, a diversidade afectivo-sexual e as violencias machistas e Lgtbifóbicas. A prevención das infeccións de transmisión sexual e os métodos anticonceptivos menos coñecidos entre a poboación foron os aspectos que xeraron maior interese entre os visitantes.
No referente á área de atención, cunha función de información, orientación, escoita e acompañamento, as consultas máis recorrentes estiveron relacionadas cos protocolos de actuación ante posibles situacións de violencia ou acoso. En concreto, en varios festivais, as persoas que se achegaron ao espazo solicitaron de forma expresa pautas para saber como actuar se presenciaban ou coñecían algunha destas situacións.
Despois do seu paso por sete das citas musicais máis multitudinarias do verán galego, o Punto Lila e Arco Iris chegará o 18 de setembro ao Caudal Fest para levar a igualdade, o bo trato e a prevención das violencias machistas ao último gran festival da temporada.