O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presentou a primeira edición do programa ‘Xeración Emprende’, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses
López Campos anuncia a creación dunha oficina itinerante da Xunta para axudar a mocidade do rural a emprender e mellorar as oportunidades laborais
O representante do Goberno galego pon en valor esta iniciativa para “atopar novas posibilidades de emprego para a xente nova e rexuvenecer o tecido produtivo”
Destaca que o programa ten aberta a inscricións a municipios rurais que desexen contar con esta formación e orientación dirixida á xente moza e tamén a mulleres
A prestación do servizo será de proximidade, cunha furgoneta que irá aos concellos participantes, e completarase cunha formación en liña e un encontro final presencial
A campaña bota a andar este mesmo venres no concello pontevedrés de Palas de Reis e seguiralle o ourensán de Celanova, o vindeiro luns, 31 de agosto
A medida procura a mellora das competencias dixitais e de innovación das persoas participantes e a pretensión de que finalicen presentando o seu propio proxecto
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a posta en marcha da primeira edición do programa Xeración Emprende, co que a Xunta asesorará a mocidade do rural en emprendemento e oportunidades laborais, a través dunha oficina itinerante que percorrerá distintos municipios galegos, e que se complementará cunha formación en liña e un encontro final presencial, onde as persoas participantes darán a coñecer as ideas ou proxectos deseñados no proceso.
Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante do Goberno galego puxo en valor a creación desta iniciativa para “contribuír a mellorar as posibilidades de emprego da xente nova e rexuvenecer o tecido produtivo nestes territorios”. Con este obxectivo, López Campos adiantou que o programa bota a andar este mesmo venres, día 28, no municipio pontevedrés de Palas de Reis, e continuará o vindeiro luns, 31 de agosto, no concello ourensán de Celanova.
No entanto, aclarou que está aberta a inscrición para aqueles concellos que desexen formar parte de Xeración Emprende, inxerido no programa europeo de cooperación transfronteiriza con Norte de Portugal Desafíos Jovens, polo que fixo un chamamento á participación desta iniciativa coa que a Xunta “procura facilitar recursos e asesoramento directamente ao territorio, facilitando o acceso da mocidade e das mulleres do rural a novas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional”.
Desenvolvemento de ‘Xeración Emprende’
En canto ao desenvolvemento do programa, López Campos explicou que conta de tres fases, que comezan coa campaña da oficina itinerante cunha furgoneta que, entre finais de agosto e o mes de outubro, percorrerá os concellos que se inscriban, “achegando o emprendemento á mocidade e tamén ás mulleres a través dun formato dinámico, próximo e participativo”.
Desta forma, avanzou que, en cada municipio participante, a furgoneta e un expositor servirán como punto de encontro da campaña e acollerán actividades prácticas e de sensibilización, “orientadas a espertar o interese polo emprendemento, identificar capacidades e talentos e fomentar a iniciativa para transformar ideas en oportunidades”. Ademais, salientou que esta fase do programa “permitirá detectar persoas especialmente motivadas ou interesadas”.
Tras as actividades da oficina itinerante da furgoneta, as e os participantes interesados poderán acceder a un campus virtual de formación e activación profesional. Ao respecto, o conselleiro precisou que este espazo ofrecerá contidos prácticos e accesibles relacionados coa empregabilidade, o emprendemento, a comunicación e marca persoal, as ferramentas dixitais, a innovación e os recursos de apoio ao desenvolvemento profesional.
Sobre esta formación, o titular de Xuventude do Goberno galego puxo en valor que permitirá que cada asistente poida “avanzar no deseño dunha idea emprendedora, dun proxecto propio ou dun itinerario de mellora profesional mediante un proceso guiado paso a paso”.
Presentación de ideas e proxectos en ‘Xuventude na Onda’
Finalmente, deu a coñecer que o programa culminará cun encontro presencial no marco de Xuventude na Onda, “concibido como un espazo de encontro, aprendizaxe e para compartir experiencias e tamén de recoñecemento”. Para iso, segundo debullou, nesta xornada presentaranse os resultados do programa, realizaranse actividades abertas ao público e entregaranse diplomas ás persoas que completen a formación en liña.
Ademais, neste encontro recoñeceranse os proxectos máis destacados desenvolvidos durante o itinerario formativo e contarase coa participación dunha persoa referente no ámbito do emprendemento, da innovación ou da creación de contido, que compartirá a súa experiencia coa mocidade participante.