A Xunta adxudica por preto de 460.000 euros o servizo de retirada e valorización do vidro do complexo de Sogama

O obxectivo é incrementar a achega á reciclaxe coa recuperación deste material contido na fracción de rexeitamento da bolsa negra e evitar a súa vertedura

Ademais, se en orixe é depositado nos iglús correspondentes, os concellos pagarían menos a Sogama e recibirían ingresos por parte das entidades recicladoras

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2026

A Xunta adxudica por un importe de preto 460.000 euros o servizo de retirada e valorización do vidro contido na fracción de rexeitamento resultante do tratamento da bolsa negra do complexo de Sogama. Este contrato, cunha duración inicial de 2 anos e prorrogable por 2 anos máis, ten como obxectivo contribuír a incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia e evitar a vertedura do material.

Se ben, os envases de vidro deberían ser depositados en orixe no iglú verde, o certo é que aínda chegan importantes cantidades deste material ao Complexo Medioambiental de Cerceda. Despois de someter a tratamento a bolsa negra mediante a segregación automática da parte reciclable para enviar á industria transformadora e a valorización enerxética da non reciclable, aínda queda, no rexeitamento resultante do proceso, unha cantidade de vidro que pode ser recuperada para distintos usos, evitando a súa vertedura.

Así, cómpre lembrar que o vidro incrementa substancialmente o peso da bolsa negra que os concellos entregan nas súas instalacións e, polo tanto, o importe da factura que estes deben abonar. De ser depositado nos iglús correspondentes, os entes locais non só pagarían menos a Sogama, senón que recibirían ingresos por parte das entidades recicladoras. 

Neste senso, non debe esquecerse que se trata dun material 100% reciclable e que dun envase de vidro se pode obter outro de idénticas características, sen perder propiedades durante o proceso de reciclaxe.

Data de actualización: 28/08/2026