O presidente da Xunta percorreu en bicicleta parte do trazado tras a súa posta en marcha oficial
Rueda destaca que o Camiño do Litoral contribúe a poñer en valor a costa, dinamizar a súa economía e actúa como novo atractivo turístico de Galicia
Salienta que a Xunta traballa para que sexa posible "vivir no litoral e do litoral”, con medidas para “coidar e manter este tesouro”, sen renunciar a actividade económica na costa
O trazado ten case 1.400 quilómetros, desde Ribadeo ata A Guarda, divididos en 52 etapas
Reivindica todos os fitos conseguidos por Galicia logo de algo máis dun ano exercendo as competencias de xestión do litoral
Ribadeo (Lugo), 28 de agosto de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o novo Camiño do Litoral, que se puxo en funcionamento oficialmente hoxe logo de rematar a súa sinalización, contribuirá a preservar e dinamizar a costa galega, ademais de sumar un novo atractivo turístico á comunidade. “Somos a autonomía con máis quilómetros de costa, unha pequena xoia que estaba aí, pero que tiñamos que poñer en valor”, indicou.
Así o sinalou esta mañá logo de percorrer en bicicleta un tramo do seu trazado á altura de Ribadeo, tras o que animou a galegos e visitantes a desfrutar da experiencia. No acto tamén estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ademais doutras autoridades.
Este Camiño une todo o litoral galego, desde Ribadeo ata A Guarda e pode percorrerse a pé ou en bicicleta. Supón case 1.400 quilómetros de trazado, divididos en 52 etapas, a través de 78 concellos. Ademais, conta cunha aplicación móbil onde hai dispoñible información das etapas, dos establecementos turísticos ou dos elementos de interese cultural que hai na contorna.
Na súa intervención, Rueda puxo en valor todo o traballo que hai detrás desta iniciativa, que vén a coidar e dinamizar a costa galega: unha zona na que reside máis da metade da poboación e onde se sitúa un importante eixo económico, tendo en conta que o sector produtivo ligado ao mar xera 9.000 millóns de euros. “Queremos que sexa posible vivir no litoral e do litoral, mantendo e conservando este tesouro, pero sen renunciar a actividade económica que sempre houbo”, resaltou.
O presidente autonómico fixo tamén fincapé en que a posta en marcha deste Camiño só é posible porque Galicia antes reclamou, e conseguiu, o traspaso das funcións e servizos de xestión do litoral. “É preciso gardar as esencias do noso litoral. Somos os máis interesados e os que máis sabemos de coidalo. Por iso pedimos e batallamos por ter as competencias”, salientou.
Desde o verán pasado, a comunidade autónoma pode exercer as competencias nesta materia de forma plena e efectiva. Neste tempo, acometéronse avances como o permiso de apertura dos servizos de tempada -como os chiringuitos- de forma ininterrompida desde Semana Santa ata outubro, a homoxeneización e simplificación das autorizacións, o impulso á sustentabilidade ou a aprobación do catálogo de bens de valor cultural da costa, que permitirá, entre outras melloras, dar un novo uso a espazos e infraestruturas actualmente abandonados.