A directora xeral de Xuventude visitou aos participantes na iniciativa ‘Ecoverán termal en Laias’

Lara Meneses erixe un ‘Modo Verán Activo’ para todos e todas con oportunidades de ocio alternativo destinadas á mocidade de 18 a 30 anos

Trátase dunha das modalidades da campaña de verán da Xunta, que este ano aumentou en 300 as súas prazas, ata as 11.932, a maior cifra da historia

A representante de Xuventude destaca “a posibilidade que se lle ofrece á nosa rapazada de desfrutar de experiencias únicas e saúdables, mentres seguen a coñecer o noso patrimonio”

No caso de Cenlle, as actividades céntranse en visitas ao patrimonio da contorna e roteiros, actividades de multiaventura e seráns temáticos

Cenlle (Ourense), 28 de agosto de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, erixiu hoxe “unha campaña Modo Verán Activo para todos e todas, con propostas inclusivas e diversas”. Fíxoo na súa visita ao albergue Laias, de Cenlle, onde mozos e mozas participan na iniciativa Ecoverán termal en Laias, incluída no paquete de actividades de ocio educativo e alternativo para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece este verán 160 prazas.

Durante a súa visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “a posibilidade que se lle ofrece á nosa rapazada de desfrutar de experiencias únicas e saudables, mentres seguen a coñecer e coidar o noso patrimonio e a nosa terra”. Así, esta modalidade está distribuída en cinco programas de cinco días de duración situados en Ribadeo, Folgoso do Courel e Cervantes, na provincia de Lugo, e Allariz e Cenlle, en Ourense.

No caso concreto de Cenlle, ata o 30 de agosto a mocidade participa nunha proposta que inclúe roteiros e visitas de descubrimento da contorna, como o achegamento ao Castro Leboreiro e ao Parque Nacional Peneda-Gerês, ao barrio xudeo de Ribadavia ou unha ruta polo río Miño e o casco vello de Ourense. Ademais, tal e como precisou a directora xeral de Xuventude, contan tamén con actividades de multiaventura, baños nas termas de Outariz e seráns temáticos como observación de estrelas, vídeo-fórum de cine ambiental ou o a identificación de morcegos.

Un verán con actividades ata os 30 anos

A campaña Modo Verán Activo conta cun total de 11.932 prazas, converténdose na maior cifra da historia e nun referente para o conxunto do Estado. Neste senso, a maior oferta coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de minicampamentos, situados en espazos naturais e con cinco días de duración, que ofrece 876 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026