Once concellos da área de Ferrol benefícianse das axudas do Fondo de compensación ambiental da Xunta

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en As Somozas a aula de árbores froiteiras realizada grazas a estas achegas

En total, o conxunto recibido polos concellos da Delegación o pasado ano superou os 850.000 euros

As Somozas (A Coruña), 28 de agosto de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a aula de árbores froiteiras do Concello das Somozas, que foi creada grazas a unha achega de máis de 110.000 euros da liña non competitiva das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do pasado ano.

Esta subvención serviu para sufragar a ampliación dunha caseta para albergar o espazo e a compra dun robot cortacéspede, así como a creación dun anfiteatro ao aire libre e dunha plantación de árbores froiteiras.

Durante a visita, na que estivo acompañada do alcalde do municipio, Juan Alonso Tembrás, a delegada salientou a importancia de estar ao carón das Administracións locais con actuacións coma estas, que optimicen os seus recursos, e lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico “en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial”, apuntou.

No 2025 foron 11 os concellos da área da Delegación que resultaron beneficiarios desta liña, recibindo un total conxunto que superou os 850.000 euros. Ademais das Somozas, esta lista está integrada por A Capela, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026