A Xunta potencia o labor do centro comercial aberto Celanova Chea co seu apoio á Feira Stock e destaca a traxectoria desta cita a prol do comercio local
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á décima edición desta cita organizada pola Asociación Celanova Chea co apoio do Goberno galego
Celanova Chea é unha das seis entidades beneficiarias na provincia de Ourense da convocatoria deste ano de achegas autonómicas á actividade dos centros comerciais abertos a prol da mellora da competitividade deste sector
Celanova (Ourense), 29 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á X Feira de Stock de Celanova, organizada pola Asociación Celanova Chea co apoio da Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos e que se celebra hoxe e mañá no claustro barroco do mosteiro de San Salvador. Alí destacou a traxectoria consolidada desta cita, que xa vai pola súa décima edición, e destacou o papel os centros comerciais abertos como o de Celanova Chea no pulo a iniciativas coma esta de dinamización comercial.
En concreto, nela participan unha vintena de negocios do municipio de moda, calzado, complementos, fogar e xoguetes, entre outros. Ademais, inclúe actividades para todos os públicos co obxectivo de incentivar o consumo de proximidade e dinamizar a vila. De feito, é unha das principais campañas da entidade organizadora.
Nesta liña, Gabriel Alén puxo en valor as achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, que na convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, entre elas Celanova Chea. Esta é unha das seis entidades beneficiarias destas achegas na provincia de Ourense cun valor total de axuda de arredor de 263.000 euros.
Con estes apoios, enmarcados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, o Goberno galego busca reforzar a excelencia dos centros comerciais abertos, a competitividade do sector e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. Deste xeito, enfócanse na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados.