O comisario do Xacobeo 2027 participou esta mañá na presentación da nova edición do festival, que celebra 15 anos de cultura e solidaridade en territorio galego
O Festival de la Luz reúne en Boimorto co apoio de Concertos do Xacobeo grandes figuras da música actual
A cita celebra desde hoxe e ata o domingo o seu 15º aniversario na contorna natal de Luz Casal cunha programación que reúne máis de 30 horas de música en directo
Chambao, Nena Daconte, La Bien Querida, Ráfaga, Luar na Lubre, La Paloma, Budiño, Cómplices ou Repion forman parte dun cartel ecléctico que combina grandes nomes, artistas galegos e talento emerxente
O festival mantén o seu carácter solidario e destinará este ano os fondos recadados a COGAMI para impulsar programas de autonomía e inclusión
Boimorto (A Coruña), 28 de agosto de 2026
O Festival da Luz celebra desde hoxe e ata o domingo a súa 15ª edición como unha das citas musicais máis singulares do calendario galego e como un exemplo de dinamización cultural desde o medio rural. Boimorto acolle durante tres xornadas unha programación que combina máis de 30 horas de música en directo con gastronomía, artesanía, actividades para diferentes públicos e propostas vinculadas á sustentabilidade, na contorna natal de Luz Casal. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, o programa impulsado por Turismo de Galicia para reforzar a música en directo como atractivo cultural e turístico e favorecer a súa distribución por todo o territorio.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou o carácter pioneiro dunha iniciativa que, da man de Luz Casal, leva quince edicións demostrando “que non é necesario estar nunha gran cidade para construír unha proposta cultural de primeiro nivel e con capacidade para atraer público de Galicia, de España e tamén de fóra”.
Neste sentido, puxo en valor a capacidade do Festival da Luz para converter Boimorto durante tres días nun punto de encontro arredor da música sen perder a súa identidade nin a súa vinculación coa contorna. “Estamos ante un festival pioneiro e xa decano no calendario musical galego, que soubo facer do territorio un elemento esencial da experiencia que ofrece”, sinalou.
Para o comisario do Xacobeo 2027, a traxectoria do Festival da Luz demostra tamén que “a descentralización cultural non significa renunciar á ambición, senón todo o contrario”, ao permitir que desde un concello do rural galego se desenvolva unha programación capaz de reunir artistas de primeiro nivel e atraer visitantes, ao tempo que se xera actividade económica e cultural no territorio.
Un cartel ecléctico para celebrar quince anos de música para todos os públicos
O Festival da Luz chega ao seu 15º aniversario cunha programación ecléctica que combina grandes nomes da música estatal con artistas galegos e novas propostas. Chambao, Nena Daconte, La Bien Querida, Ráfaga, Luar na Lubre, La Paloma, Budiño, Cómplices ou Repion forman parte dun cartel ao que se suman tamén The Rapants, Carlos Sadness, Mr. Kitos, Divergente DJ, French Riviera, Amaramar e Adrian Timms, entre outros.
Unha vivencia máis aló da música ligada ao territorio
O festival mantén unha programación que vai máis alá dos concertos e que contribúe a converter a cita nunha experiencia vinculada ao territorio. A zona infantil, a proposta gastronómica, o mercado de iniciativas agroalimentarias e artesanais e as actividades deportivas e de sustentabilidade completan a programación destas tres xornadas.
Entre estas propostas figura a carreira popular Cultivando Deporte, que permite descubrir as paisaxes de prados e maizais que rodean Boimorto e reforza a conexión do festival coa contorna e coa posta en valor do medio rural. “O Festival da Luz representa moi ben unha maneira de entender a cultura como elemento de conexión co territorio. Aquí a música convive coa gastronomía, coa artesanía, co deporte, coas actividades para as familias e coa promoción dos produtos e iniciativas locais”, destacou o comisario.
Unha cita consolidada, solidaria e con proxección exterior
A solidariedade é outra das principais características que definen o Festival da Luz desde a súa creación. O evento superou xa o millón de euros destinados a diferentes entidades e causas sociais, consolidando unha dimensión solidaria que forma parte da súa identidade. Nesta edición, os fondos recadados destinaranse a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para impulsar programas de autonomía e inclusión.
O representante da Xunta subliñou que esta dimension social “fai especialmente singular” ao Festival da Luz e permite que a música se converta nunha ferramenta de sensibilización e compromiso social. “É unha maneira de devolver ao territorio parte de todo o que recibe del e de demostrar que cultura e responsabilidade social poden formar parte dun mesmo proxecto”.
Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, con máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.