A Xunta apoia a ‘I Feira de Stock de Verín’ co gallo de dar pulo ao comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo asistiu esta tarde á cita organizada pola Asociación de Empresarios/as de Verín (Aever) co apoio do Goberno galego

Gabriel Alén destacou que Aever foi unha das entidades beneficiarias das axudas a centros comerciais abertos que distribuíron este ano uns 263.000 euros na provincia de Ourense, no caso verinense, cunha achega que inclúe unha campaña extraordinaria

Verín (Ourense), 30 de agosto de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta tarde á I Feira de Stock de Verín, organizada pola Asociación de Empresarios/as de Verín (Aever) co apoio da Xunta no marco das axudas a centros comerciais abertos. Unhas axudas que distribuíron máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, arredor de 263.000 euros deles na provincia de Ourense.

Durante a súa visita, Gabriel lembrou que a Aever foi ademais unha das cinco entidades seleccionadas pola Xunta este ano para desenvolver unha campaña extraordinaria de dinamización comercial. En concreto, na primeira semana de outubro terá lugar a Gala do comercio local de Verín, co obxectivo de recoñecer e poñer en valor o tecido comercial como parte da memoria colectiva e da vida cotiá da vila.

O representante autonómico salientou que esta proposta extraordinaria busca celebrar tanto os negocios consolidados como os novos, promovendo a innovación, visibilizando boas prácticas e motivando os comerciantes a seguir mellorando os seus proxectos. Así, o evento combinará espectáculo e música en directo coa entrega de premios en diferentes categorías: traxectoria, dinamización comercial, innovación, profesionalización e un premio do público. Entregaranse tamén premios vinculados a tíckets de compra, permitindo aos consumidores participar e gañar recoñecementos ou vantaxes adicionais por apoiar o comercio local.

Data de actualización: 30/08/2026