A Xunta destina máis de 72.000 euros a actuacións de conservación fluvial en Caldas de Reis
Os traballos permitirán mellorar o estado das canles e facilitar a circulación da auga
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta co coidado do medio ambiente
Caldas de Reis (Pontevedra), 31 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o concello de Caldas de Reis con motivo das actuacións de conservación fluvial que a Xunta está a desenvolver en distintos puntos do municipio para mellorar o estado e a funcionalidade das canles e favorecer a correcta circulación da auga.
Os traballos, que contan cun orzamento de máis de 72.000 euros, estanse a executar en tres zonas de actuación correspondentes ao río Umia, ao río Bermaña e ao rego Marán. No caso do río Umia, as intervencións abranguen aproximadamente 3,3 quilómetros de canle nas zonas de Bemil, Caldas de Reis, Santa María e Portas (Santa María). No río Bermaña, os traballos afectan a un tramo duns 580 metros nas parroquias de Caldas de Reis (San Tomé e Santa María) e Bemil, mentres que no rego Marán, na zona de Arcos da Condesa (Santa Mariña), se actuará sobre aproximadamente 434 metros.
Entre os principais traballos previstos atópase a retirada de árbores caídas e da biomasa acumulada na canle que poida dificultar a circulación normal do caudal, así como labores de roza puntual e selectiva e o acondicionamento dos accesos aos cursos fluviais.
As actuacións tamén contemplan a retirada de especies exóticas invasoras (EEI), co obxectivo de contribuír á preservación da biodiversidade e á mellora ambiental dos ecosistemas asociados aos ríos.
Para a execución dos traballos empregaranse diferentes medios e maquinaria, entre eles rozadoras, motoserras, podadoras, tractor, camión e minidúmper, ademais de ferramentas manuais. A duración estimada das actuacións é de once semanas.
O delegado territorial destacou que este tipo de intervencións permiten actuar de maneira preventiva sobre as canles fluviais, mellorando a súa funcionalidade e favorecendo a correcta circulación da auga, ao tempo que se contribúe á conservación dos espazos naturais e da biodiversidade asociada aos ríos.
Fernández puxo en valor o compromiso da Xunta coa conservación e o mantemento dos cursos fluviais, mediante actuacións que permiten mellorar o seu estado, previr posibles afeccións e garantir unhas condicións axeitadas para o seu funcionamento natural.