A Xunta abre mañá o prazo dunha nova edición do Xuventude Crea polo que xa pasaron preto de 6.000 mozos e mozas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a presentación de solicitudes, que remata o vindeiro 30 de setembro
Os gañadores, ademais do premio económico, poderán entrar nun programa de formación e mentorizaxe para lanzar o seu proxecto empresarial
O certame conta con 15 categorías que son artes plásticas, arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación
Dende a súa posta en marcha, a iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude repartiu preto de 700 premios por un importe de máis dun millón de euros
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2026
A Xunta abre mañá o prazo para que os mozos e mozas interesados presenten a súa solicitude para participar na 17ª edición do certame Xuventude Crea. A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, configúrase como unha das principais canles de apoio á creación xuvenil, combinando recoñecemento, formación, profesionalización e visibilidade para as novas xeracións de artistas galegos.
O certame, destinado á mocidade de entre 16 e 30 anos, busca estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación, ademais de actuar como estímulo económico para a xuventude. O prazo de presentación de solicitudes, que se fará preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta, iniciarase mañá, e remata o 30 de setembro.
O Xuventude Crea 2026 contará con 15 categorías que son artes plásticas (modalidades de pintura e escultura), arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación. No ámbito escénico continúa a diferenciación entre as modalidades de Teatro Amador e Teatro Pro, unha medida orientada a apoiar tanto as compañías profesionais emerxentes como os grupos afeccionados.
Por cada categoría, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500€ para o segundo e 1.000€ para o terceiro. Ademais, haberá un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica na categoría de música e poderanse outorgar mencións de honra a aquelas obras que consigan chegar á fase final.
Ademais do premio económico, os gañadores terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe, realizado en coordinación cos Polos de Emprendemento e coa Secretaría Xeral de Emprego, para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Tamén se suma a oportunidade de participación en importantes eventos de referencia no sector artístico tanto de carácter autonómico, nacional e internacional onde poderán expoñer as súas obras e difundir o talento da mocidade galega.
Desde a súa posta en marcha hai 17 anos, nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude levan participado preto de 6.000 mozos e mozas con máis de 4000 obras e proxectos creativos. Neste sentido, repartíronse preto de 700 premios por importe de máis dun millón de euros.