Rueda destaca que a Xunta amplía os apoios na volta ao cole en máis dun 25% nos últimos anos, con 145 M€ anuais en bolsas para familias e alumnos
Lembra que a través das diferentes convocatorias anuais desde a etapa de Infantil ata a Universidade, ao longo dun curso concédense máis de 422.000 axudas
O conselleiro de Educación resalta que estes apoios son un importante recurso de cara a encarar o inicio do curso escolar e permiten “axudar a quen máis o precisa e premiar o esforzo académico”
Este ano púxose en marcha unha nova bolsa de 150 € para usuarios de comedores xestionados por anpas, concellos e centros concertados, que se suma a un amplo contexto de apoio nesta materia, con 78.840 beneficiarios en total e 67 M€
As liñas de maior impacto e alcance son, a maiores do comedor escolar, a gratuidade da matrícula no ensino universitario, o fondo de libros e os vales de material escolar
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno autonómico inviste este curso máis de 145 millóns de euros en apoios ao alumnado e as familias. Segundo indicou, “isto supón incrementar un 25% o orzamento nos últimos cinco cursos”, a través de axudas para libros, material escolar ou a matrícula universitaria gratuíta que permitiron ampliar en 129.000 o número de beneficiarios.
Ao longo dos últimos anos, desde 2022, consolidáronse diferentes convocatorias e puxéronse en marcha novas medidas, moitas delas pioneiras. Na actualidade hai en marcha medio cento de liñas de axudas a familias e estudantado desde a etapa de Infantil ata a Universidade. Segundo o informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizado hoxe no Consello da Xunta, o investimento para o novo curso supera os 145 millóns de euros e se conceden máis de 422.000 axudas. Isto supón case un 10% máis con respecto ao orzamento do curso anterior e un incremento tamén no número de apoios.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia Universidades e FP, Román Rodriguez, lembrou que xa son cinco os cursos consecutivos nos que a Xunta implanta novas medidas para axudar ás familias, entre elas, a matrícula gratuíta nas universidades e ensinanzas artísticas, as desgravacións fiscais pola compra de libros e material ou, a máis recente, unha nova bolsa para os usuarios de comedores xestionados polas Anpas, os concellos ou os centros concertados. Nesta liña, Rueda resaltou que “Galicia foi a primeira comunidade na que é posible estudar totalmente de balde” desde as escolas infantís ata a universidade.
Este amplo mapa de apoios supón un importante recurso de cara ao inicio do curso escolar. “O noso obxectivo é garantir a igualdade de oportunidades, axudar sempre a quen máis o necesita e premiar o esforzo dos estudantes”, indicou Rodríguez, quen apostou por un “apoio global e integral, co que aliviar o estrés económico” de moitos fogares á hora do regreso ás aulas dos rapaces.
De feito, a maiores das axudas para os libros, material ou o servizo complementario de comedor escolar, inclúense tamén diferentes iniciativas impulsadas para mellorar as competencias en linguas estranxeiras do estudantado a través do programa Galemundo, así como, entre outras accións, os premios extraordinarios que se outorgan aos alumnos polo seu esforzo e excelencia, ao que se destinan máis de 1,1 M€ cada ano.
Libros, material e comedor escolar
Por impacto total na comunidade escolar, as achegas con maior alcance son as dirixidas a libros de texto e material, así como o comedor escolar. As liñas para a compra e préstamo de libros e adquisición de material escolar, que se foron incrementando nos últimos cursos, a dedución fiscal impulsada para as familias que non se poden acoller por renda a estas convocatorias, así como os materiais do programa E-Dixgal (que son totalmente gratuítos para o alumnado) suman un orzamento case 27 M€ e un alcance de máis de 313.000 apoios.
No que atinxe ao comedor, Educación destina case 67 M€, dentro dos que se contempla tanto os xestionados pola Consellería como as subvencións para Anpas, concellos ou entidades de atención á diversidade. Cómpre destacar, ademais, que este ano se suma unha nova convocatoria de bolsas de ata 150 € para as familias que usan comedores xestionados por anpas, concellos ou centros concertados, que se ampliará neste novo curso 2026/27 cunha segunda liña con 100 € para familias con rendas per cápita de entre 6.000 a 10.000 €. En total, benefícianse das diferentes axudas de comedor máis de 78.840 persoas, das que a inmensa maioría goza do servizo de forma gratuíta ou pagando tan só un euro ao día.
Matrícula gratuíta nas universidades
A matrícula gratuíta nas universidades galegas e nas ensinanzas artísticas superiores é o terceiro bloque de medidas con maior impacto, con arredor de 13.500 beneficiados. Sumado á conxelación de prezos públicos de matrícula para graos e másters, supón un aforro de máis de 20M€ para as familias galegas cada curso.
Para estas ensinanzas tamén se inclúen outras convocatorias de bolsas e axudas como os premios Ángela Ruiz Robles e os premios fin de carreira (para universitarios e para ensinanzas artísticas superiores), as axudas para as persoas desempregadas que desexen completar a súa formación a través dun máster, as complementarias ao programa Erasmus+, así como os contratos predoutorais e os doutoramentos industriais. Todas estas accións no eido universitario suman 39,8 M€.
Internacionalización do ensino
A internacionalización do ensino en igualdade de oportunidades é outra das liñas prioritarias do mapa de apoios da Consellería, a través do programa Galemundo. Para iso, concédense diferentes bolsas para estadías no estranxeiro ou en campamentos de linguas dentro de Galicia en diferentes etapas educativas, co fin de seguir impulsado a aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Súmanse a elas as axudas complementarias ás outorgadas polo programa Erasmus+ para mobilidades de alumnos de FP, Universidade e ensinanzas artísticas en institucións educativas doutros países.
Innovación na FP
Cómpre salientar tamén que a Xunta está a impulsar a innovación na Formación Profesional a través de certames como Innovatech ou Idea, con premios para que o alumnado desenvolva as súas propostas innovadoras. Ademais, anualmente convócanse axudas para os desprazamentos dos estudantes no período de prácticas, así como os premios extraordinarios de FP de grao superior.