Villares aborda co alcalde de Monterroso os investimentos da Xunta no municipio
Na primeira visita institucional ao concello, o delegado territorial repasou as actuacións apoiadas pola Xunta para mellorar infraestruturas e servizos públicos locais
Monterroso (Lugo), 1 de setembro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, no marco das visitas institucionais que está a realizar aos concellos da provincia, para abordar as principais necesidades locais e facer seguimento dos investimentos e proxectos que o Goberno galego está a impulsar no municipio.
Villares destacou os máis de 61.500 euros da Consellería do Medio Rural para mellorar un camiño da rede municipal en Viloíde ou o apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para mellorar a rede de recollida de pluviais do núcleo de San Pedro-Frameán. Esta achega sumou 32.000 euros, con cargo á orde de axudas anual do Fondo de Compensación Ambiental competitivo.
No ámbito dos servizos sociais, o delegado territorial puxo de manifesto o incremento do orzamento que a Consellería de Política Social e Igualdade destina a financiar o Servizo de Axuda no fogar, que supera nesta anualidade os 398.000 euros no municipio.
Na xuntanza referíronse tamén a outras colaboracións recentes entre as dúas administracións, como as que permitiron mellorar a rede de recollida de pluviais dos núcleos de Esporiz e Lardeiros; acondicionar as vías de titularidade municipal nos núcleos de Tarrío e Novelúa; ou mellorar a seguridade viaria e a iluminación do polígono empresarial. Lembraron tamén o convenio asinado entre o Concello de Monterroso e a Axencia de Turismo para a humanización de sete rúas da localidade. O orzamento dos traballos financiados pola Xunta superou os 96.000 euros e permitiu actuar nas rúas Álvaro Cunqueiro, Xoán Montes, Irmán Xesús, San Miguel, avenida do Marco, travesía da Feira e rúa da Xesta.
O representante autonómico reafirmou o compromiso do Goberno galego “de seguir ao carón dos concellos, especialmente do rural, para avanzar na mellora das dotacións e servizos públicos” e salientou a importancia de manter unha “colaboración permanente” coas administracións locais para atender as súas necesidades e ofrecer novas oportunidades de futuro no territorio.