A Xunta licita por máis de 50.800 € a subministración e instalación dun sistema para o control de temperatura en quirófano con destino ao Hospital Clínico Universitario de Santiago
Esta adquisición contribúe a unha maior seguridade clínica e eficiencia no desenvolvemento das intervencións cirúrxicas cardíacas
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 15 de setembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
A Xunta publica hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 50.820 euros, do subministro e instalación dun sistema de normohipotermia para o control de temperatura en quirófano con destino ao servizo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Este equipo, que se suma ao que xa ten o complexo hospitalario, permite regular de maneira precisa a temperatura do paciente, do circuíto sanguíneo e do miocardio, garantindo a estabilidade fisiolóxica durante intervencións cirúrxicas cardíacas de alta complexidade.
A adquisición deste equipamento permitirá mellorar a seguridade do paciente durante os procedementos de cirurxía cardíaca e garantir a dispoñibilidade operativa dos sistemas de control térmico empregados en quirófano.
Así mesmo, permitirá reforzar a capacidade operativa do servizo ante o incremento da actividade cirúrxica e incorporar unha tecnoloxía actualizada que mellore a precisión e fiabilidade do control térmico, contribuíndo a unha maior seguridade clínica e eficiencia no desenvolvemento das intervencións.
O incremento da actividade asistencial, a necesidade de garantir a dispoñibilidade permanente destes sistemas e a conveniencia de dispoñer dun equipo adicional que asegure a continuidade asistencial en caso de incidencias técnicas ou de actuacións de mantemento, fan necesaria a adquisición deste novo equipo.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 15 de setembro para presentar as súas ofertas.