O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria, visitou a nova UCI pediátrica do hospital universitario lucense
Gómez Caamaño destaca a mellora da UCI pediátrica do Lucus Augusti como unha nova mostra do compromiso do hospital coa saúde da infancia e o aumento da capacidade asistencial
Explica que a actuación realizada, na que a Xunta investiu máis de 150.000 euros, supón un cambio moi importante na organización e na calidade da atención da área de pediatría do hospital
Subliña que, grazas ás obras, conseguise dar un paso máis e crear unha UCI pediátrica independente da unidade de Neonatoloxía, diferenciando os espazos destinados aos neonatos dos ocupados por nenos de maior idade
Cada posto conta cunha superficie de 20 m2 e compleméntase cun control de enfermería central con visión directa das diferentes áreas asistenciais
Aproveitáronse as obras para reordenar e mellorar todo o espazo pediátrico, adecuando a unidade de Neonatoloxía, mellorando a zona de hospitalización de lactantes e creando tamén unha sala de lactancia
O conselleiro refire a importante actividade asistencial da unidade, posto que ata o pasado mes de xullo foron hospitalizados nela 108 nenos, cunha estadía media de 3,28 días
Lugo, 2 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a mellora da UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti como unha nova mostra do compromiso deste centro sanitario da rede do Sergas coa saúde da infancia e o aumento da capacidade asistencial.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitou a UCI pediátrica do HULA para coñecer o resultado das obras de mellora da súa unidade de coidados intensivos pediátricos.
O conselleiro incidiu en que a actuación realizada, na que a Xunta investiu máis de 150.000 euros, supón un cambio moi importante na organización e na calidade da atención da área de pediatría do hospital.
Ao respecto detallou que, grazas ás obras, conseguise dar un paso máis e crear unha UCI pediátrica independente da unidade de Neonatoloxía, diferenciando claramente os espazos destinados aos neonatos dos ocupados por nenos e nenas de maior idade.
Gómez Caamaño tamén referiu que se trata dunha UCI pediátrica con tres boxes independentes e illados, aos que se suma unha sala de técnicas. Deste xeito, cada posto conta cunha superficie de 20 m2 e compleméntase cun control de enfermería central con visión directa das diferentes áreas asistenciais, ademais de espazos de traballo para os profesionais e zonas de descanso.
O máximo responsable do Sergas incidiu en que se aproveitaron as obras para reordenar e mellorar todo este espazo pediátrico adecuando a unidade de Neonatoloxía, mellorando a zona de hospitalización de lactantes e creando tamén unha sala de lactancia.
Ademais, sepárase esta área respecto á zona de partos e incorpóranse á actividade asistencial pediátrica espazos que ocupaban zonas administrativas.
En definitiva, dixo, máis funcionalidade, privacidade e seguridade, pero tamén unha atención máis humanizada, o que para o conselleiro resulta especialmente importante cando se fala de nenos que atravesan unha situación clínica grave e tamén para as súas familias. Nesta liña, a reforma inclúe a habilitación dunha zona de estar para os familiares.
Actividade asistencial
Gómez Caamaño felicitou ao servizo de mantemento do hospital, que foi o que executou a obra, e subliñou que a nova distribución permite que os profesionais que xa atendían esta unidade poidan desenvolver o seu traballo dun xeito máis funcional.
Así, mantense a dotación de persoal con tres profesionais de enfermería e dous auxiliares por quenda, nunha unidade cunha actividade asistencial importante, posto que, ata o pasado mes de xullo, foron hospitalizados nela 108 nenos e nenas, cunha estadía media de 3,28 días.
O conselleiro remarcou que o HULA é o centro de referencia para pacientes pediátricos críticos de toda a área sanitaria, beneficiándose a provincia dunha iniciativa que completa a carteira de servizos de pediatría.
Hospital de vangarda
O Hospital Universitario de Lugo segue a avanzar como centro de vangarda no coidado da infancia, logo de poñer en marcha a primeira Neuroescola de Galicia e a segunda de España.
Trátase de avances que, para o conselleiro, falan da vitalidade deste hospital que está a celebrar o seu XV aniversario con gran crecemento en capacidade asistencial, servizos e tecnoloxía.
En concreto, desde a súa posta en marcha, o HULA acumula máis de seis millóns de consultas, máis de 357.000 ingresos e máis de 257 intervencións cirúrxicas, ademais de preto de 20.000 nacementos.
Tamén está próxima a incorporación dun novo acelerador lineal de radioterapia que será o primeiro con radioterapia adaptativa en Galicia, logo dun investimento da Xunta de 2,7 millóns de euros.
Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño sinalou que a Xunta seguirá a traballar para que o HULA continúe ampliando capacidades e reforzando a súa condición de hospital de referencia.