Villaverde resalta a importancia de combinar tradición e innovación no sector miticultor na súa visita ao Grupo Proinsa
A conselleira do Mar visitou en Lorbé as zonas de bateas e colectores da empresa, unha das beneficiarias dos apoios autonómicos para a construción e modernización de bateas e embarcacións auxiliares de última xeración
Sada (A Coruña), 2 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou no peirao de Lorbé as instalacións e zonas de cultivo do Grupo Proinsa e destacou a importancia de combinar tradición e innovación no sector miticultor. Alí puido coñecer, de primeira man, os labores de cultivo, o desenvolvemento dos sistemas de captación de semente mediante cordas colectoras e as melloras operativas introducidas pola empresa.
Durante a visita, a titular de Mar destacou o valor da colaboración público-privada para reforzar a competitividade do sector mitilicultor e garantir a sustentabilidade das explotacións fronte aos retos ambientais e produtivos actuais. Neste marco, salientou a importancia de continuar perfeccionando métodos complementarios de obtención de semente en colectores que axuden a asegurar a subministración de cría para as bateas galegas.
Villaverde puxo en valor o alcance das axudas a investimentos en acuicultura, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que adxudicou na última convocatoria máis de 7,8 millóns de euros ao sector mitilicultor galego, financiando 89 proxectos de construción e modernización de bateas, instalación de sistemas de seguridade e renovación de embarcacións auxiliares.
Neste contexto, as entidades que conforman o Grupo Proinsa resultaron adxudicatarias dun investimento conxunto de 916.877 euros con cargo ao FEMPA. Estes fondos permitiron a construción de catro novas bateas, incorporar equipamento de manobra como guindastres hidráulicos e construír o buque de apoio Proinsa Seis, unha moderna embarcación auxiliar de máis de 22 metros de eslora deseñada para gañar en eficiencia enerxética, maniobrabilidade e seguridade nos labores diarios de cultivo e mantemento.
A conselleira do Mar reiterou o compromiso do Goberno galego co sector mexilloeiro, columna vertebral da acuicultura en Galicia e líder a nivel europeo, garantindo o acompañamento da administración autonómica na mellora continua das instalacións e na procura de solucións que fortalezan o emprego e a actividade no noso litoral.