Villaverde aborda con Socomgal a situación das infraestruturas portuarias en Moaña
A conselleira do Mar e a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, revisaron tamén a situación das instalacións que emprega a cooperativa de mexilloeiros
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, reuniuse hoxe con representantes da Sociedade Cooperativa Galega de Mexilloeiros de Galicia (Socomgal), para abordar cuestións relativas ás infraestruturas e obras portuarias previstas en Moaña.
Neste senso, revisouse a situación administrativa das instalacións que emprega a cooperativa para a descarga e pesada do mexillón, como a caseta e a báscula do peirao, así como o estado das actuacións previstas en Domaio e Moaña.
A este respecto a conselleira trasladou os avances na rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro de Moaña, actualmente en execución cun orzamento dun millón de euros, e informou da planificación da segunda fase da obra, para reforzar a estrutura do total do peirao. Así mesmo, abordouse a planificación do proxecto de novas instalacións de atraque para embarcacións de acuicultura.
Esta xuntanza dá continuidade á mantida o pasado 25 de agosto, na que a titular de Mar visitou as instalacións da cooperativa e coñeceu, in situ, a súa actividade e os controis de calidade e pesaxe do mexillón nos puntos de descarga, ademais de afondar nas necesidades da cooperativa e avaliar a evolución da campaña actual do mexillón.