Villaverde reúnese coa Federación de Produtores Mexilloeiros Ría de Arousa dentro da escoita activa que mantén co sector
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse hoxe con representantes da Federación de Produtores Mexilloeiros Ría de Arousa, no marco da escoita activa e permanente que mantén co sector.
O encontro serviu para coñecer, de primeira man, as súas necesidades e avaliar a evolución da campaña e a situación actual da actividade, nun momento no que se apreza unha recuperación progresiva dos volumes de produción acumulados neste 2026.
Na reunión, a organización tamén explicou as achegas que trasladou no proceso aberto para elaborar o decreto de acuicultura e que, xunto coas presentadas polo resto das asociacións, debateranse na Comisión do Mexillón para redactar o borrador inicial do futuro texto legal.