A Xunta licita por máis de 269.000 € o equipamento de inmobilización para o servizo de radioterapia do Novo Montecelo
O contrato inclúe o equipamento necesario para garantir o correcto posicionamento dos pacientes e a precisión dos tratamentos de radioterapia
A licitación forma parte do Plan de investimentos de 30 millóns de euros para a dotación e instalación do equipamento da fase inicial do Hospital Novo Montecelo
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 16 de setembro
Prevese que o novo hospital entre en servizo a finais deste ano, comezando por radioterapia
A posta en funcionamento deste servizo evitará os desprazamentos a Vigo a arredor de 500 pacientes oncolóxicos
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026
A Xunta publicou no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación por 269.225 euros da subministración do material de inmobilización de radioterapia con destino ao Hospital Público Novo Montecelo.
O expediente divídese en dous lotes. O primeiro, cun orzamento de licitación de 221.430 euros, corresponde aos sistemas de inmobilización, posicionamento e equipamento asociado. O segundo, por un importe de 47.795 euros, inclúe un sistema de inmobilización cranial para radiocirurxía estereotáxica (SRS).
Entre os dous lotes, inclúense pezas para inmobilizar a cabeza e o pescozo, sistemas de retracción de ombros, coxíns de baleiro para o tórax e outros dispositivos empregados para soster e fixar as extremidades dos pacientes.
Estes instrumentos son imprescindibles para garantir a precisión e seguridade dos tratamentos de radioterapia, xa que permiten minimizar os movementos involuntarios e as variacións posturais dos pacientes. Deste xeito, asegúrase a correcta localización dos tumores e a administración das doses nas zonas diana, reducindo a exposición innecesaria de órganos e tecidos sans.
A licitación deste equipamento inclúe a súa distribución, montaxe e instalación, e insírese no Plan de investimentos da fase inicial do Hospital Novo Montecelo, aprobado pola Xunta en setembro de 2024.
As empresas interesadas en participar nesta licitación poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de setembro ás 14.00 horas.
Plan de investimentos do Hospital Novo Montecelo
O Plan de investimentos da fase inicial do Hospital Novo Montecelo consigna unha partida de 30.000.000 euros para a dotación e instalación de todos os equipos necesarios para a súa posta en funcionamento.
No marco deste plan, a Xunta licitou en novembro de 2025, por un importe de 251.438 euros, o equipamento electromédico con destino ao Servizo de Radiofísica do Hospital Novo Montecelo.
A previsión é que o novo hospital entre en funcionamento de forma progresiva, comezando este mesmo ano con radioterapia para evitar que arredor de 500 pacientes oncolóxicos teñan que desprazarse ata Vigo para recibir este tipo de atención.