Friol estrea este curso unha escola infantil con 51 prazas, na que a Xunta investiu máis de 220.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou as instalacións, froito das obras executadas para transformar o Punto de Atención á Infancia nun centro máis amplo e moderno

Friol (Lugo), 2 de setembro de 2026

Friol estrea este curso unha nova escola infantil con capacidade para albergar a 51 nenos e nenas de 0 a 3 anos, unha iniciativa na que a Xunta investiu máis de 220.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe o centro, froito das obras de remodelación do edificio onde funcionaba o Punto de Atención á Infancia (PAI) - con 20 prazas- para transformalo nunha escola infantil máis moderna e con maior capacidade.

A Consellería de Política Social e Igualdade achegou ao Concello o 90% do orzamento para esta actuación, financiada con fondos europeos do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia.

A intervención centrouse en acondicionar a parte do inmoble que estaba en desuso, ademais de realizar a rehabilitación enerxética xeral de todo o edificio. Para iso incorporouse  illamento na fachada, renováronse as carpinterías exteriores e a cuberta, substituíronse as luminarias por equipos LED e colocouse calefacción mediante chan radiante.

No interior adecuouse a distribución das diferentes zonas, instalouse falso teito en todas as estancias e renovouse a fontanería e o saneamento. Tamén se dotou de pavimento de caucho a área de xogos exterior.

Villares salientou a aposta da Xunta por facilitar a conciliación familiar e destacou a gratuidade das escolas infantís, unha medida á que o Goberno galego destina 68 millóns de euros de fondos propios. Así, este curso será o quinto  no que as familias galegas non pagarán nada pola atención educativa dos seus fillos de 0 a 3 anos en escolas infantís públicas, de iniciativa social ou privadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026