A Xunta licita por máis de 2,5 M€ a dotación de equipamento electromédico e mobiliario clínico da fase I do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol
Licítanse desfibriladores, ecógrafos, electrocardiógrafos de 12 canais, monitores de constantes vitais ou sistemas automáticos de dispensa de medicamentos, entre outros
Proverase, tamén, de padiolas, carros de curas, un tomógrafo de coherencia óptica, unha consola de otorrinolaringoloxía, humidificadores con xerador de alto fluxo, lavacuñas termodesinfectadoras, grúas de teito, lámpadas de teito, cabeceiros de parede e cabeceiros suspendidos de altas prestacións
Estes equipos terán como destino os servizos de urxencias, de urxencias pediátricas, de nefroloxía, de UCI de adultos e neonatos, de hospitalización e de cardioloxía
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 2 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026
A Xunta publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación por un importe de 2.539.205,57 €, da subministración de equipamento electromédico e mobiliario clínico con destino ao servizo de urxencias e áreas correspondentes á fase I do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
O equipamento que se licita contempla, entre outros, os seguintes elementos: desfibriladores, ecógrafos, electrocardiógrafos de 12 canais, monitores de constantes vitais, monitores PCO2 transcutáneos ou sistemas automáticos de dispensa de medicamentos (sadme).
Así mesmo, tamén inclúe a subministración de padiolas, carros de curas, un tomógrafo de coherencia óptica, unha consola de otorrinolaringoloxía, humidificadores con xerador de alto fluxo, lavacuñas termodesinfectadoras, grúas de teito, lámpadas de teito, cabeceiros de parede e cabeceiros suspendidos de altas prestacións.
O expediente, dividido en 16 lotes, inclúe a distribución, instalación e posta en marcha, no caso de que sexa necesaria, dos bens obxecto da contratación.
Os equipos terán como destino os servizos de urxencias, urxencias pediátricas, nefroloxía, UCI de adultos e neonatos, hospitalización e cardioloxía.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 2 de outubro para presentar as súas ofertas.
A Xunta avanza nas obras da primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que se centran na construción dos novos edificios Leste e Sur, anexos ao Hospital Arquitecto Marcide e supoñen un investimento de máis de 60 M€. Coa licitación deste equipamento a Xunta ultima os traballos destinados para a posta en servizo das novas urxencias proximamente.
Paralelamente, o Goberno galego está a traballar na redacción do proxecto da fase final do Plan Director, que, en total, superará os 83 M€ de investimento.