A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático clausurou en Santiago a xornada de peche do proxecto europeo IBERALEX, no que se enmarca o plan autonómico

O Plan de conservación da Xunta logra unha tendencia positiva da píllara das dunas en Galicia con 93 parellas reprodutoras, a cifra máis alta desde 2014

Tras salientar que se trata da cifra máis alta de exemplares que se rexistra desde o ano 2014, Ángeles Vázquez destaca tamén os 178 polos que lograron voar no marco do programa autonómico de cría ex situ, posto en marcha fai case unha década

Considera os resultados “unha boa noticia” para o futuro desta especie vulnerable na Comunidade pero insiste en que “non hai que baixar a garda” e avanza que a Consellería seguirá traballando para manter o seguimento e consolidar o aprendido

Só este ano, instaláronse 87 parcelas de exclusión para reducir a posible incidencia nos niños dos depredadores, balizáronse 19 áreas de nidificación nos areais durante a época reprodutora e recolléronse 17 niños abandonados ou en situación de risco

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia pon en valor os resultados acadados ata o momento no marco do Plan de conservación da píllara das dunas, que permitiu recuperar de forma progresiva na costa galega a poboación desta especie vulnerable ata chegar ás 93 parellas reprodutoras en 25 praias, a cifra máis alta rexistrada desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2014.

Así o destacou hoxe en Santiago a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen participou, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na clausura da xornada de peche do proxecto IBERALEX, no que se enmarca precisamente o programa autonómico de conservación da píllara.

A tendencia positiva detectada na poboación desta especie, tal e como explicou a responsable autonómica, tamén foi posible grazas á aposta que fixo a Xunta no ano 2017 por un programa para a conservación e cría ex-situ —é dicir, fóra do seu hábitat natural— destas pequenas aves. De feito, destacou que, desde entón, se logrou que voaran con éxito un total de 178 polos incubados de forma artificial e posteriormente criados nos centros de recuperación de fauna autonómicos que ten a Xunta en Oleiros e Cotobade.

Cómpre lembrar que IBERALEX é un proxecto europeo para mellorar a conservación da píllara das dunas como ferramenta que permita avanzar na compatibilidade dos usos humanos e da biodiversidade no espazo transfronteirizo formado por Galicia e Portugal, que suma uns 2.600 quilómetros de costa e máis dun milleiros de praia e humidais.

Cun orzamento global de 1,9 millóns de euros, cofinanciado ao 75% con fondos europeos FEDER, o obxectivo co que naceu este proxecto (que rematará o vindeiro 30 de setembro) era dar un paso máis no compromiso con esta especie e na conservación das praias e zonas húmidas ibéricas a través da execución dunha serie de medidas e accións nas que colaboran a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e outras institucións académicas e conservacionistas de España e Portugal, cun total de sete socios.

Neste sentido, a responsable autonómica insistiu en que os resultados conseguidos nos últimos anos grazas ao labor de seguimento e protección da píllara das dunas e ás actuacións de conservación e investigación que se desenvolven tanto dentro como fóra das praias son “unha boa noticia” para o futuro en Galicia desta especie vulnerable, unha das máis características e singulares da costa galega.

En todo caso, insistiu en que “non hai que baixar a garda” xa que se trata dunha cifra aínda pequena como para que poida deixar de estar incluída na categoría de vulnerable e por iso, avanzou que a Consellería seguirá traballando na mesma liña co fin de consolidar o aprendido, manter o seguimento activo destas aves e mesmo trasladar as boas prácticas adquiridas a outros areais e espazos para compatibilizar o uso recreativo e público destas áreas co respecto ás zonas de cría e á biodiversidade.

“Queremos praias onde as persoas e a biodiversidade poidan convivir. E iso exixe coñecemento, planificación e tamén corresponsabilidade”, declarou a conselleira, que, a modo de exemplo, se referiu aos traballos desenvolvidos este mesmo ano sobre o terreo polos axentes medioambientais que participan no equipo multidisciplinar encargado de velar pola conservación da píllara das dunas.

Concretamente, explicou que só no que vai de 2026 se instalaron 87 parcelas de exclusión para reducir a posible incidencia nos niños dos depredarores, se balizaron 19 áreas de nidificación en areais galegos coincidindo coa época reprodutora —que vai do mes de marzo ata agosto— e se recolleron 17 niños abandonados polos seus proxenitores ou en situación de risco de perda polas mareas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026