O delegado da Xunta visitou esta mañá o concello de Oímbra, xunto á alcaldesa da localidade, beneficiario na última resolución destas achegas
A Xunta mellora a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais da provincia ourensá a través das axudas para infraestruturas de uso publico
O delegado explicou que este concello foi un dos beneficiarios na última convocatoria destas axudas, na que a percibiu unha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de 35.000 euros para a construción dunha cuberta para unha pista de pádel
Manuel Pardo detallou que na recente resolución da convocatoria deste ano, a Xunta destinou máis dun millón de euros en 34 actuacións en 30 concellos e catro agrupacións da provincia, co fin de impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos
Durante a súa estancia no municipio, o delegado aproveitou para supervisar o resultado das actuacións para o mantemento do firme da rúa Ladairo no núcleo do Rosal ao abeiro desta orde de axudas no ano 2025, nas que o Goberno galego investiu 35.000 euros
Ourense, 03 de setembro de 2026
O delegado da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a Oímbra para informar a súa alcaldesa, Ana Villarino, que o seu concello foi un dos beneficiarios na última da convocatoria de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, na que a percibiu unha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de 35.000 euros para a construción dunha cuberta para unha pista de pádel.
O delegado subliñou que nesta recente resolución, a Xunta destinou máis dun millón de euros en 34 actuacións en 30 concellos e catro agrupacións da provincia, co fin de seguir a impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.
Neste senso, Manuel Pardo lembrou que a través destas iniciativas dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, a Xunta cofinancia actuacións en camiños, prazas, paseos e rúas, instalacións deportivas e outros edificios destinados á prestación de servizos municipais ou redes de iluminación pública, sendo a axuda máxima o 70 % do orzamento total da actuación.
Deste xeito, sinalou o representante autonómico, que as entidades locais contan un ano máis co apoio da Xunta mediante esta liña de axudas que ten como obxectivo garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, a prol do desenvolvemento económico do territorio e que a poboación galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.
Axudas do ano 2025
Durante a súa estancia no municipio, o delegado aproveitou para supervisar o resultado das actuacións para o mantemento do firme da rúa Ladairo no núcleo do Rosal ao abeiro desta orde de axudas no ano 2025, nas que o Goberno galego investiu 35.000 euros.
O delegado explicou que a intervención consistiu na limpeza das marxes da calzada, no repaso manual das arestas do camiño, despois procedeuse na reparación das imperfeccións da superficie da capa de rodaxe, e finalmente levouse a cabo o marcado da sinalización viaria horizontal mellorando en gran medida a seguridade viaria.