A Xunta destaca a variedade de actividades da nova edición do Pont-Up Store a prol do pulo ao emprendemento ligado ao territorio

Pontevedra, 4 de setembro de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do programa de actividades da 13ª edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2026, que se celebrará o 11 e o 12 de setembro en Pontevedra e que conta co apoio da Xunta. Alí, a directora xeral puxo de relevo a variedade de accións que abarca esta iniciativa a prol do emprendemento ligado ao territorio e que con esta edición reforza a súa vocación como espazo de conexión entre novas empresas, universidade, investimento, institucións e territorio. Neste sentido, sinalou que entre as actividades da iniciativa haberá unha mesa redonda organizada pola Xunta e na que se dará conta, entre outras iniciativas, do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, impulsado de xeito piloto en Ribadavia. 

Tamén se presentará o Campus formativo de emprego autónomo, unha ferramenta dixital baseada en formacións curtas, modulares e altamente prácticas, complementadas con titorización especializada para o acompañamento das persoas participantes. Ademais, Marta Mariño, puxo en valor o papel da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que con 15 oficinas repartidas por toda Galicia e máis de 7.100 proxectos atendidos, asesora de xeito gratuíto tanto a quen desexe emprender na comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidar a súa idea de negocio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026