A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura acompaña as familias nesta xornada de lecer incluída na programación ‘Para gustos, cultura’

A Xunta celebra no Gaiás unha nova edición de Cidade Imaxinaria con espectáculos de circo, teatro e xogos

A cita ofrece tres horas ininterrompidas de actividades de lecer que inclúen 15 propostas con compañías de Galicia, Cataluña, Asturias e Portugal

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta “a importancia de xerar programacións culturais integrais para todas as idades con propostas que estimulen a creatividade”

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, sumouse esta tarde aos centos de familias que gozaron dunha nova edición de Cidade Imaxinaria, a proposta organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que por décimo cuarta vez enche o Gaiás de propostas culturais entre as que se inclúen espectáculos de circo, teatro, maxia e xogos.

Na súa visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou que Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da programación Para gustos, cultura, que ao longo deste verán chegou a máis de 200 localidades con máis de 3.600 propostas. “Trátase dun amplo programa que conta con diversas actividades entre as que se inclúe esta cita, unha das máis esperadas da oferta familiar do Gaiás que destaca por conxugar a vertente lúdica coa artística, pedagóxica e didáctica”, apuntou.

Neste senso, puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa programación de propostas culturais integrais “para todas as idades, que estimulen a creatividade en rapazada de todas as idades”. Así mesmo, explicou que no caso concreto de Cidade Imaxinaria, a cita ofrece tres horas ininterrompidas de actividades de lecer nas que se inclúen 15 propostas con compañías maioritariamente galegas, mais tamén de lugares como Cataluña, Asturias ou Portugal. A este respecto, Ana isabel Vázquez remarcou que a través de Cidade Imaxinaria, a Consellería de Cultura aposta “por poñer en valor o traballo das artistas e distribuidoras do eido das artes escénicas, o circo ou o teatro de rúa amosando a calidade e o bo facer da nosa oferta cultural”.

A través desta iniciativa, o Gaiás encheuse hoxe de fantasía de man de tres espectáculos de pista con varios pases, entre os que atopamos acrobacias, maxia, circo clásico e danza; dous pasarrúas para descubrir unha casa sobre rodas e gozar da mellor música, e catro zonas de xogos e actividades nas que os participantes poderán converterse  nun grande artista de circo, descubrir xogos tradicionais que fomentan a igualdade, descubrir novas formas de diversión con materiais reciclados ou gozar dun espazo sensorial para bebés.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026