O Proxecto Imagedataspace reforza a capacidade de diagnóstico do Servizo Galego de Saúde co aproveitamento das imaxes médicas dixitais
As máis de 1.500 imaxes médicas recompiladas neste proxecto permitirán avanzar en diferentes iniciativas de investigación e intelixencia artificial
O proxecto puxo en marcha un espazo federado de datos, que botou a andar con tres primeiros casos de uso centrados no cancro de próstata (CHUF), no edema macular diabético (CHUF) e na cardiopatía isquémica (CHUS)
Desenvolvido pola Consellería de Sanidade, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e as áreas sanitarias de Ferrol e Santiago de Compostela e Barbanza, o programa conta cun orzamento de 445.000 euros, financiado a través de fondos europeos
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2026
O proxecto ImageDataSpace, impulsado pola Consellería de Sanidade, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e as áreas sanitarias de Ferrol e Santiago de Compostelae Barbanza, reforza a capacidade diagnóstica e de investigación do Servizo Galego de Saúde, grazas ao aproveitamento das imaxes médicas dixitais.
Así, a solución técnica derivada deste programa, uTILE, permite contar con máis de 1.500 imaxes médicas preparadas para o seu emprego en proxectos de investigación e de intelixencia artificial.
A iniciativa pon en marcha un espazo federado de datos de imaxe médica desde o que se poderá consultar que conxuntos están dispoñibles, as súas características e as condicións de uso establecidas para cada caso. O seu obxectivo é transformar as imaxes clínicas en conxuntos de datos preparados para investigación, o desenvolvemento e validación de ferramentas de intelixencia artificial.
O Servizo Galego de Saúde iniciou o emprego desta plataforma con tres primeiros casos de uso centrados no cancro de próstata, oftalmoloxía e cardiopatía isquémica.
O primeiro destes estudos, liderado polo Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), está relacionado co cancro de próstata. O segundo, coordinado polo Servizo de Oftalmoloxía, tamén do hospital ferrolán, centrouse no edema macular diabético e, o terceiro, artellado polo Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), afondou na cardiopatía isquémica.
Pola súa banda, o Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña traballou cos datos do caso de Oftalmoloxía para avanzar na detección do edema macular diabético co emprego de intelixencia artificial. As imaxes, previamente recollidas, seudonimizadas e etiquetadas, poden utilizarse para analizar patróns asociados a esta patoloxía e desenvolver ferramentas de apoio á súa identificación.
Este caso serve como un dos primeiros exemplos de explotación real da solución achegada a través do proxecto ImageDataSpace, datos xerados na contorna sanitaria, preparados e xestionados dentro do espazo, e posteriormente empregados por un grupo investigador para abordar unha necesidade clínica concreta.
O programa, conta cun orzamento aproximado de 445.000 euros, financiado a través de fondos europeos, correspondentes ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia-Next Generation EU.