Preto de 91.000 persoas visitaron o complexo medioambiental de Cerceda para coñecer o modelo maioritario de Xestión de Residuos de Galicia
Con este programa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pretende divulgar as instalacións e o servizo que presta Sogama en 304 concellos galegos
Entre os aspectos máis valorados polos participantes están a boa organización da iniciativa, a modernidade das instalacións, a adopción de tecnoloxías punteiras, a transparencia, a atención e os recursos educativos innovadores, entre outros
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2026
Preto de 91.000 persoas visitaron no último ano o complexo medioambiental de Cerceda para coñecer de primeira man o tratamento que reciben os residuos producidos pola maior parte de Galicia. Neste senso e con este programa, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pretende divulgar as instalacións e o servizo que presta Sogama en 304 concellos galegos.
Así, o informe de balance correspondente ás visitas realizadas no período 2025-2026, elaborado en base aos cuestionarios en liña cubertos polos participantes, demostra o éxito e a consolidación desta iniciativa, que cualifican como unha experiencia enriquecedora, interesante, dinámica e moi proveitosa.
Entre os aspectos máis valorados polos asistentes destacan a boa organización do programa, a modernidade das instalacións, a adopción de tecnoloxías punteiras, a transparencia, a atención e os recursos educativos innovadores de apoio.
A maiores, cualificaron tamén como excelente o traballo do equipo educativo polo seu trato e profesionalidade, coa capacidade para conectar cos visitantes e trasladarlles a información dunha forma amena, entretida e adaptada aos distintos perfís e características.
No que respecta a colectivos concretos, os docentes destacaron a oportunidade que a visita ofrece para que o alumnado poida comprender, de forma práctica, o proceso de xestión de residuos, axudándolle ao mesmo tempo a tomar conciencia sobre a problemática que estes representan nas sociedades modernas e a necesidade de implicarse na súa xestión para avanzar na protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible.
Pola súa banda, os escolares sentíronse especialmente atraídos polas lentes de realidade virtual para ver as instalacións e os xogos interactivos, así como polas explicacións recibidas. No caso dos adultos, chegaron a cualificar a experiencia como visita obrigada para todos os cidadáns, á vez que valoraron o labor de Sogama como imprescindible para Galicia, destacando a preocupación da empresa pola educación ambiental da poboación, con múltiples actividades que contribúen en boa medida á formación e concienciación.
Ademais, no programa de visitas tamén participaron delegacións estranxeiras procedentes de Panamá, Turquía, Macedonia e Grecia, interesadas en coñecer os pormenores do modelo Sogama como posible sistema extrapolable a outras rexións ao complementar a reciclaxe coa valorización enerxética da parte non reciclable e reducir así a mínimos a vertedura, a opción máis contaminante e perniciosa para a saúde.