A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe cos tres rexedores

A Xunta analiza cos concellos de Cualedro, Laza e Monterrei a figura da mancomunidade como ferramenta para xestionar de forma conxunta a auga

Aínda que a comarca non presenta actualmente problemas de subministro, coinciden na necesidade de anticiparse a posibles escenarios de escaseza no futuro e de explorar as vantaxes e o potencial que teñen neste sentido as fórmulas de xestión supramunicipal

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia analiza cos concellos ourensáns de Cualedro, Laza e Monterrei as posibilidades que ofrece a figura da mancomunidade como ferramenta para canalizar a xestión conxunta da auga e avanzar así na garantía do abastecemento á poboación.

Este foi o asunto principal da reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os alcaldes de Cualedro, Luciano Rivero, de Laza, José Ramón Barreal, e de Monterrei, José Luis Suárez.

Tras expoñer que nestes momentos os concellos que dependen do río Támega —pertencente á Confederación Hidrográfica do Douro— non presentan problemas nin incidencias que afecten ao abastecemento, os tres rexedores municipais incidiron na necesidade de anticiparse a posibles escenarios futuros que poidan vir asociados a períodos de escaseza de auga nesta zona.

Neste sentido, os alcaldes e a conselleira coincidiron no potencial das fórmulas supramunicipais (como as mancomunidades ou consorcios) aplicadas á xestión da auga, un tipo de ferramenta que xa demostrou a súa eficacia e as vantaxes que ofrece á hora de xestionar de forma conxunta os recursos hídricos dispoñibles nunha mesma zona.

Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que o Goberno galego ten o firme compromiso de apoiar técnica e economicamente ás entidades locais, tal e como vén facendo desde hai anos, para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento do xeito máis eficiente posible. Por iso, animou aos rexedores ourensáns a explorar este tipo de figuras co fin de seguir avanzando na mellora da xestión do ciclo da auga e na garantía do subministro á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2026